López-Chaves proporá ao Consello de Administración do CCVV que os pisos desocupados se incluan no Programa de Vivendas Baleiras da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, compareceu hoxe en rolda de prensa para informar de que proporá, no vindeiro Consello de Administración do organismo, incluír as vivendas desocupadas e rehabilitadas polo Consorcio ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia.

Coma lembrou López-Chaves, o Programa de Vivendas Baleiras que impulsa a Xunta de Galicia xunto coa Fegamp ten coma obxectivo mobilizar as vivendas de particulares, empresas ou organismos que se atopan desocupadas contando para isto coa implicación e colaboración das Administracións locais e sempre co fin último de que ditas vivendas poidan ser ofrecidas en réxime de alugueiro social a persoas en situación de especial necesidade.

Seguindo esta finalidade, o tamén presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo explicou que no vindeiro Consello de Administración do organismo, que se celebra esta mesma semana, levará unha proposta para que os inmobles rehabilitados e titularidade do CCVV que leven un tempo sen ser adquiridos por particulares se inclúan no Programa de Vivendas Baleiras. “Prestaremos a nosa adhesión ao programa da Xunta”, sinalou López-Chaves, quen proporá ao resto dos membros do organismo –participado nun 90% pola Administración autonómica e no 10% restante pola local- a que acepten dita iniciativa. A día de hoxe, estarían en disposición de formar parte de dito programa un total de 2 ou 3 pisos.

Formando parte deste programa, por parte do Executivo autonómico financiaranse unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas, que inclúe asistencia e defensa xurídica. Deste xeito, as vivendas poden ser incorporadas a dito programa contando coas referidas garantías para ser destinadas a alugueiros sociais, cunha achega de 200 euros ao mes.

Neste senso, López-Chaves significou as diferenzas nas políticas sociais levadas a cabo polas diferentes administracións no que respecta aos casos de familias que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade e en risco de desafiuzamento. Así, sinalou que mentres a Xunta ten unha xestión “activa e solidaria” coa resolución en solitario de varios casos buscando alternativas de vivenda incluso fóra do municipio, o Concello de Vigo segue a ter unha “falta de actuación e compromiso” mantendo un total de 17 vivendas baleiras de titularidade municipal, 3 delas VPP que teñen que ser destinadas a persoas en situación de especial necesidade.

Ofrecemento da Sareb

Ademais, o delegado informou que esa falta de compromiso do Concello de Vigo para atender as necesidades sociais de persoas en risco de desafiuzamento tivo un novo capítulo co rexeitamento por parte do goberno local de 5 vivendas que a Sareb lle ofreceu no mes de decembro para situacións de emerxencia. “Reuníronse co Concello e pasados uns meses non quixeron aceptar esas vivendas para atender casos de especial necesidade”, dixo López-Chaves, quen explicou que sendo coñecedores do asunto, a Xunta está agora en trámites para acceder ás vivendas baleiras desocupadas que a Sareb lle ofreceu ao Concello de Vigo. Sen embargo, pasados estes meses, a Xunta soamente poderá facerse coa cesión de 2 delas posto que as outras 3 xa foron vendidas pola Sareb tras desatender o goberno local a súa oferta.

24 de maio de 2016 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.