Gómez Besteiro chega aos xulgados de Lugo para declarar pola Operación Pulpo
O exsecretario xeral do PSdeG e expresidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, está xa nos xulgados da capital de provincia, onde foi convocado pola xuíza que instrúe a Operación Pulpo, Pilar de Lara.
En concreto, o último líder dos socialistas galegos entrou no edificio xudicial ás 10,25 horas, apenas cinco minutos antes da hora da súa citación por parte da titular do xulgado de instrución número un da cidade.
No exterior da sede dos xulgados limitouse a saudar os xornalistas que agardaban a súa chegada e declinou facer declaracións aos medios. De feito, ademais dos “bos días”, o único que dixo foi que está “moi ben”.
Besteiro está sendo investigado neste caso polos supostos delitos de suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de caudais públicos.
Estas seis imputacións súmanse ás catro que a mesma xuíza lle atribúe noutro caso, o Garañón, no que analiza a súa etapa como concelleiro de Urbanismo de Lugo.
É a primeira vez que o exdirixente socialista comparece ante De Lara despois de querelarse contra ela por suposta “prevaricación xudicial”, toda vez que o vinculou con decisións tomadas na Deputación de Lugo baixo o mandato de Francisco Cacharro Pardo (PP) “quen sabe con qué obxectivo”, segundo o seu escrito xudicial.











