publicidade hoxe

Galicia promociónase como destino de golf co VII Torneo Peregrinación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMondariz
A-
A+

O campo de golf Balneario de Mondariz acolle desde onte e ata o vindeiro 27 de maio, a VII edición do Torneo de golf Peregrinación, un evento deportivo patrocinado por Turismo de Galicia para promover a práctica deste deporte na comunidade galega.

Neste torneo, que está enfocado ao público sénior, participan 169 golfistas da Asociación Española de Séniors de Golf, AESGOLF, procedentes de toda España dos cales 60 participantes proveñen da Comunidade de Madrid e 69 de Cataluña.

Os xogadores do torneo teñen a oportunidade de gozar da oferta turística galega a través dun amplo programa complementario, no cal está previsto un cruceiro pola Ría de Vigo, con visita ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entre outras actividades.

Colaboración de Turismo de Galicia
Este evento, ademais de dar a coñecer as posibilidades de Galicia para a práctica do golf, busca tamén a promoción da desestacionalización turística e promover especificamente o turismo de saúde, para os participantes no torneo e os seus acompañantes.

Deste xeito, Turismo de Galicia apoia a celebración deste evento deportivo con distintas accións de promoción destinadas a promover tanto o torneo como o propio destino turístico.

O golf no Plan Integral de Turismo

O Plan Integral de Turismo de Galicia vén reflectida a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal.

Por iso, estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.

Deste xeito, entre as actuacións máis salientables destacan a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos Green Day para participantes amateurs, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de Green Fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a Asociación Galicia, Destino Golf; e tamén a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo sénior.

24 de maio de 2016 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.