Galicia participará no Innterconecta co obxectivo de liderar novos proxectos innovadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Manuel Varela na presentación de Innterconecta. Foto: C. Paz

Manuel Varela na presentación de Innterconecta. Foto: C. Paz

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, participou hoxe en Santiago na xornada celebrada na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na que se presentou a cuarta edición do programa FEDER Innterconecta. Destacou que esta iniciativa permitirá á Xunta, a través destas axudas que xestiona o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), liderar proxectos innovadores en Galicia.

Manuel Varela indicou que o novo Innterconecta está enmarcado na Estratexia de Especialización Intelixente, RIS 3; e no novo Plan de Actuación Xunta-CDTI, que permitiu avanzar na colaboración entre Estado e Xunta co obxectivo de cubrir todas as necesidades innovadoras das empresas e evitar duplicidades e sobrecustos desde a administración.

Innterconecta ten como obxectivo fomentar a cooperación en I+D interrexional mediante o desenvolvemento de novas tecnoloxías con proxección económica e comercial a nivel internacional. Galicia é unha das seis comunidades participantes -ademais das cidades autónomas de Ceuta e Melilla- nesta nova convocatoria, para a que o CDTI comprometerá 50 millóns de euros para financiar durante o período 2016-2018 proxectos tecnolóxicos nos que participen consorcios empresariais. Neste sentido, o director de Gain agradeceu a colaboración do CDTI, socio imprescindible para Galicia para potenciar o I+D empresarial.

As solicitudes para obter a estas axudas se realizarán a través da sede electrónica do CDTI (https://sede.cdti.gob.es). O prazo finalizará o 20 de xuño. Os proxectos poden responder a diferentes temáticas: saúde, cambio demográfico e benestar; seguridade e calidade alimentarias, actividade agraria e produtiva e sostible, recursos naturais, investigación mariña e marítima; enerxía segura, eficiente e limpa; transporte intelixente, sostible e integrado; acción sobre o cambio climático e eficiencia na utilización de recursos e materias primas; cambios e innovacións sociais; economía e sociedade dixital; e seguridade, protección e defensa.

A terceira edición do Innterconecta suma 144 empresas galegas, que participan en 67 proxectos innovadores que promoven o avance de Galicia en eidos como o agroalimentario, as TIC ou a automoción. De feito, Galicia captou o 40% dos fondos totais para España, sendo a segunda comunidade, despois de Andalucía, con maior número de proxectos aprobados e liderados. Nas tres convocatorias anteriores do Innterconecta participaron un total de 172 proxectos na comunidade galega. Esta nova edición súmase a outros programas de innovación cos que conta a Xunta, como Conecta Pemes, que permiten traballar de forma conxunta a empresas, universidades e centros tecnolóxicos.

12 de maio de 2016 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.