publicidade hoxe

Francisco Conde sinala en Marín que a iniciativa ‘Quere o teu mercado’ busca involucrar toda a sociedade nas prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Marín que coa iniciativa Quere o teu mercado se busca involucrar a toda a sociedade no impulso ás prazas de abastos. Na campaña, cuxa celebración en Galicia impulsa por segundo ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos e as asociacións e federacións de praceiros, participan preto de 90 prazas de abastos de toda Galicia, case o dobre que o ano anterior, e case 3.000 praceiros.

Conde sinalou que esta iniciativa, que se celebra ata finais de mes en 17 países de Europa, América e Asia, ten por obxectivo visualizar e promover as prazas como pezas clave do comercio de proximidade, e poñer en valor a diversidade e a profesionalidade dos mercados galegos.

O responsable de Economía, Emprego e Industria destacou que os mercados son imprescindibles tanto como motor do comercio de proximidade como na vida e no patrimonio das vilas e cidades galegas. Por iso, Conde, que asistiu ao showcooking do cociñeiro do Grupo Nove Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña, destacou que a Xunta está a traballar para potencialas preparando un novo Plan de mercados excelentes. Este incluirá medidas centradas en eidos como a mellora da imaxe e a atención ao cliente, os servizos e os equipamentos, en cooperación cos concellos. Ademais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora coas asociacións e federacións de praceiros, con apoios por preto de 300.000 euros a un total de 31 entidades.

No marco de Quere o teu mercado desenvolveranse en Galicia distintas propostas que culminarán o vindeiro sábado 28 de maio co Día do Mercado. Entre as distintas actividades que se celebrarán nos próximos días inclúense degustacións gastronómicas, actuacións musicais e teatrais, charlas informativas e iniciativas nas redes sociais, ou sorteo de agasallos, entre outros.

Moitas das propostas céntranse en achegar as prazas de abastos aos máis pequenos. Así, concellos e comerciantes organizan visitas de escolares, obradoiros musicais e de cociña, ou certames de debuxo, e distribuirase un conto infantil editado pola Xunta co obxectivo de presentar aos máis pequenos estas instalacións dunha forma amena e divertida.

Ademais vense de activar unha nova aplicación móbil, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da cal os usuarios poden acceder de forma rápida a información sobre os mercados, prazas de abastos ou feiras tradicionais máis próximas, que se poden buscar nun xeolocalizador.

Os que descarguen a aplicación de mercados e prazas de Galicia poderán consultar desde os seus dispositivos a situación e os horarios de apertura, os servizos dos que dispón, así como acceder a enlaces directos ás webs, perfís nas redes sociais, e á tenda on line daqueles mercados que dispoñen dela. Así mesmo, terán acceso ás novas máis relevantes neste ámbito, e darase difusión aos eventos que se celebren nos diferentes mercados, así como ás accións de fidelización que nestes se propoñan.

Campaña internacional

Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong, Estados Unidos e Canadá. A iniciativa leva nesta edición a nivel internacional o lema Mercados, a túa opción saudable!, facendo fincapé sobre a contribución das prazas de abastos tanto a unha alimentación equilibrada como á creación de riqueza e emprego.

18 de maio de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.