publicidade hoxe

Francisco Conde di que a planta de Reganosa cumpre os criterios para a súa actividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMugardos
A-
A+
Europa Press

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, manifestou que o Executivo galego “colaborará” con Reganosa no proceso para regularizar a situación administrativa da súa planta en Mugardos, na ría de Ferrol, en cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo que o obriga a solicitar unha nova autorización.

A preguntas dos xornalistas na inauguración dunha xornada organizada por Bioga, defendeu que a planta “cumpre con todos os criterios dende o punto de vista medio ambiental”, de seguridade e dende o punto de vista urbanístico”.

Así, apuntou que a sentenza o que establece “é que no momento da solicitude non se cumprían os requisitos urbanísticos”, pero recalcou que, na actualidade, estes están “xa emendados”.

Conde avanzou, ademais, que, por parte de Reganosa vanse iniciar os trámites “para garantir a nova solicitude de autorización administrativa”. “E cumprirá o requirido polo Supremo, apostilou.

Mentres, rexeitou o que cualificou como “propostas destrutivas” para o tecido produtivo galego, en alusión á petición de peche da planta formulado por Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Fronte a iso, defendeu o carácter “estratéxico” da regasificadora para garantir o “abastecemento” para familias e empresas.

IMPULSO Á BIOTECNOLOXÍA

O conselleiro realizou estas manifestacións antes de participar nun encontro organizado por Bioga, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida que agrupa a case medio centenar de empresas e entidades vinculadas coa biotecnoloxía.

No acto, o conselleiro recalcou a “aposta” da Xunta por este sector dentro dunha estratexia de apoio a “sectores emerxentes”. Neste ámbito, destacou a existencia de proxectos industriais “moi relevantes” e o impacto en sectores como o agroalimentario, o pesqueiro ou o marisquero.

Por outra banda, remarcou a posta en marcha, por parte da Administración autonómica, de programas como ‘Oportunius’. Deles, dixo que suporá incorporar 200 novos investigadores en empresas e centros de investigación. Tamén apuntou ao obxectivo de que a biotecnoloxía se converta nun sector “estratéxico” en Galicia.

3 de maio de 2016 | 16:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.