publicidade hoxe

Francisco Conde aposta polo estaleiro 4.0 como clave para garantir a competitividade do naval ferrolán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Francisco Conde no Foro Industria 4.0

Francisco Conde no Foro Industria 4.0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe o estaleiro 4.0 como chave para garantir a competitividade do naval ferrolán durante a próxima década. Conde participou no Foro Industria 4.0, que reúne no CIS Galicia os últimos avances tecnolóxicos de empresas e centros de coñecemento galegos, e defendeu a mellora dos procesos industriais do naval como camiño para consolidar unha competitividade “que Ferrol está a amosar día a día, con éxitos que cambiarán radicalmente o seu porvir, como a adxudicación dos dous BAC australianos”, que con 500 millóns de euros de investimento traerán consigo picos de 3.000 empregos e catro anos de traballo.

Para manter esa competitividade, defendeu o conselleiro, “é a hora de dixitalizar os nosos estaleiros, incorporando tecnoloxías como a fabricación aditiva, a robotización, o internet das cousas, os novos sensores, ou o Big Data”. Ese Naval 4.0 supón, dixo Conde, un reto de modernización que deben afrontar por igual os grandes estaleiros e a industria auxiliar, mellorando os procesos de fabricación para gañar eficiencia, garantindo así a capacidade para competir por novos contratos nos mercados internacionais.

Nese camiño, salientou o conselleiro, a Xunta seguirá a acompañar a Ferrol para garantir que permaneza á vangarda do sector, a través de iniciativas como a Unidade Mixta de Investigación da Xunta na que traballan Navantia e a UDC e que axudará a definir os procesos construtivos do estaleiro público a medio prazo. Tamén referiuse ao convenio Naval 4.0, posto en marcha polo Goberno galego con axentes como Aclunaga e Aimen, grazas ao que se están a desenvolver proxectos de vangarda no CIS Galicia, en eidos como a robótica e a virtualización. “Con ese esforzo conxunto, que se ampliará no futuro, Ferrol e Galicia estarán na locomotora europea do Naval 4.0”, defendeu Conde.

Unha vangarda que suporá, de forma paralela, un aumento na contratación e na calidade dos postos de traballo, defendeu o conselleiro. Con esa convicción, a Xunta está a poñer en marcha varias medidas, no marco da Axenda 20 para o Emprego, para adaptar a forza laboral á nova revolución tecnolóxica.

En liña coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente, a Axenda 20 busca mellorar a empregabilidade a través de ferramentas como as Unidades de Formación na Empresa, as Lanzadeiras de Emprego postas en marcha en coordinación coa Fundación Santa María La Real e co apoio da Fundación Telefónica, ou o pulo especial que está a recibir a FP Dual, atendendo especialmente á Industria 4.0. De feito, lembrou o conselleiro, a Xunta vén de activar un programa de formación profesional co foco na Industria 4.0 para potenciar a contratación de máis de 1.000 persoas desempregadas.

Captación de investimentos

De cara a futuro, dixo Conde, a Xunta buscará captar investimentos de gran calado no eido da Industria 4.0, a través da Iniciativa Captación de Investimentos 4.0, unha ferramenta para captar grandes investimentos, incentivándoos cun apoio da Xunta ligado a que estas grandes compañías contraten con empresas galegas e innoven en Galicia. A Xunta busca así apoiar grandes proxectos sobre a fábrica intelixente e as tecnoloxías que a rodean, con orzamentos superiores aos 50 millóns de euros e apoios públicos de ata o 40% do investimento. As compañías interesadas, lembrou Conde, deberán realizar a industrialización e a comercialización de resultados en Galicia, terán que comprometerse a subcontratar centros de coñecemento da Comunidade, e deberán explotar os resultados do proxecto en Galicia.

10 de maio de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.