publicidade hoxe

Finaliza a concentración parcelaria en Baio cun investimento dun millón de euros e trece anos de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaZas
A-
A+

Coa publicación, o pasado xoves, no DOG do anuncio da toma de posesión dos terreos, a Xunta dá por rematada a concentración parcelaria na parroquia de Baio, no Concello de Zas. Deste xeito, conclúe un proceso no que se investiron 993.032,68 euros e que comezou, coa presentación das súas primeiras bases, no ano 1993.

Por este motivo, representantes da Xefatura Territorial de Medio Rural da provincia da Coruña acudirán mañá martes ao local social da parroquia para explicarlles aos veciños os trámites que deben seguir nesta recta final da concentración parcelaria unha vez que están rematados os traballos de colocación de marcos e preparación da nova rede de camiños.

A cita terá lugar ás 12 horas, e nela os asistentes serán informados de que a toma de posesión provisional supón a posta a disposición dos veciños dos novos predios con diferentes prazos, segundo sexan zonas de monte ou estean pendentes de retirar as colleitas. Ademais, neste acto, confírese o dereito de explotación das novas fincas e se outorgan os dereitos de defensa da posesión das leiras con todos os medios que admite o ordenamento xurídico.

A partir da toma de posesión, os propietarios poden medir as novas fincas, e se observan diferenzas superiores ao 2% entre a superficie e a que consta nos expedientes, teñen 60 días de prazo para facer reclamacións ante a Consellería de Medio Rural antes de afrontar a fase definitiva de redacción dos títulos de propiedade e a súa posterior inscrición no rexistro.

A concentración parcelaria de Baio incluíu 220,51 hectáreas, repartidas en 1.668 parcelas pertencentes a 666 propietarios e cunha superficie media de 13,22 hectáreas. Coa conclusión do proceso, quedan establecidas 813 fincas cunha superficie media de 26,42 hectáreas. Ademais, durante estes anos, se abriron ou melloraron un total de 17,16 quilómetros de rede viaria, o que facilita notablemente as comunicacións nos núcleos rurais.

2 de maio de 2016 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.