Ferreiro ve en Leiceaga unha persoa con sensibilidade para un entendemento do PSOE coas mareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, considerou “importante” a vitoria do socialista Xoaquín Fernández Leiceaga nas primarias do PSdeG para elixir o seu candidato á presidencia da Xunta, xa que, na súa opinión, se trata dunha persoa “con sensibilidade” para un “entendemento” coas mareas.

A preguntas dos xornalistas, subliñou que, no seu caso, defendeu que é “bo” que nas filas socialistas haxa xente que entenda que “a alternativa ao PP pasa por un entendemento co espazo político das mareas”.

“E dá a impresión de que Leiceaga é unha persoa que ten esa sensibilidade”, remarcou o rexedor coruñés, que goberna en minoría na Coruña.

Ademais, incidiu en que a súa vitoria, fronte ao parlamentario galego José Luis Méndez Romeu -apoiado, entre outros, polo alcalde de Vigo, Abel Caballero-, é “importante, sobre todo tendo en conta quen se posicionou do outro lado”.

De Abel Caballero, dixo que parecía, co seu apoio a Méndez Romeu, “que controlaba o partido”. “Pero parece que os militantes e o PSOE van por outro lado”, apostilou Ferreiro quen, nunha entrevista na Radio Galega, indicou que el non quere “alimentar” a rivalidade Vigo-A Coruña. “A rivalidade Vigo-A Coruña, A Coruña-Vigo é do pasado, eu estou noutra onda. Espero que algún día cambie o seu criterio e se canse deste continuo pimpampum”, agregou.

SOBRE EN MAREA

Por outro lado, sobre o cruzamento de declaracións entre os líderes da coalición En Marea, Fereiro dixo que observa “demasiado ruído” e “declaracións cruzadas” que a el non lle “gustan”.

“Hai que ter compañeirismo e basear a relación política na fraternidade. As coalicións teñen unha parte positiva, pódense chegar a acordos de forma máis rápida, pero tamén teñen parte negativa, a das cotas,” esgrimiu, antes de reivindicar que “por iso, Marea Atlántica, non foi unha coalición”.

Sobre concorrer á Xunta, descartouse. “Non sería presentable que, tras un ano na Coruña dese salto á Xunta. Estou comprometido coa Alcaldía; é un reto, estou a gusto e non penso noutras cousas”, resaltou.

GOBERNO CON SOCIALISTAS

Ademais, na mesma entrevista, Xulio Ferreiro admitiu que foi “un erro non calibrar os problemas de interlocución con outros grupos, particularmente co PSdeG e, sobre a hipótese de que os socialistas entren no goberno, dixo que “neste momento é moi complicado”.

“Creo que, para entrar nun goberno, hai que ter unhas bases de confianza previas e, neste momento, esas bases de confianza non se dan. O PSdeG, se quere entrar no goberno, equivócase de estratexia porque o está a facer a golpes, tirando abaixo a porta”, sentenciou.

30 de maio de 2016 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.