Feijóo asina un acordo para realizar accións concretas entre Xunta e Goberno cubano
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acordou co viceministro primeiro do Ministerio de Comercio Exterior e Investimento Estranxeiro de Cuba, Antonio Luís Carricarte, asinar un memorando de colaboración para comprometer actuacións e intereses concretos entre o Goberno cubano e a Xunta de Galicia.
“Acordamos asinar un protocolo para establecer unha colaboración máis directa e analizamos pormenorizadamente determinados sectores da nosa economía como o sector da biotecnoloxía, da enerxía eólica, o agroalimentario ou o sector da biomasa”, explicou o mandatario galego.
O titular da Xunta aproveitou o encontro para convidar a Antonio Luís Carricarte a viaxar a Galicia e así poder coñecer de primeira man as capacidades do sector agroalimentario -no que a produción de carne avícola, porcina e vacuna se refire-; da industria de biomasa; así como a experiencia galega no ámbito da informatización da sanidade pública (receita e historia electrónica).
Así mesmo, Feijóo destacou as oportunidades que as empresas galegas poden ter no ámbito da construción e do contract, ante a iniciativa de Cuba de realizar un incremento do 30% das súas camas hoteleiras e a construción de numerosos hoteis.
“En definitiva estamos a falar dunha reunión frutífera para concretar e buscar socios en España e en gobernos europeos que lle dean ao país unha visión da economía aberta e da economía máis industrializada”, concluíu o presidente.











