publicidade hoxe

Fandicosta recupera parte da súa actividade con cinco camións que repartirán a súa mercadoría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoaña
A-
A+
Europa Press

A empresa de Moaña (Pontevedra) dedicada ao procesado de conxelados do mar Fandicosta, continuou este venres parte da súa actividade tras o incendio que arrasou a metade das súas instalacións, co despregamento de cinco camións que ao longo desta mañá saíron da factoría para facer o servizo de repartición a supermercados de España e Europa.

Así o comunicou o responsable de recursos humanos da compañía, Alfredo Campuzano, que indicou que saíron camións de conxelado con mercadoría almacenada “non afectada polo incendio” que estaba pendente de ser servida aos clientes. “Estamos a intentar solucionar a situación, con axuda das administracións”, remarcou.

Igualmente, indicou que a actividade comercial está a funcionar con normalidade, a administrativa está a “poñerse ao día” e a actividade de fresco desconxelado mantense nunhas instalacións situadas no Porto de Vigo cedidas polo grupo ao que pertence Fandicosta.

Non obstante, ratificou que a súa intención é continuar o groso da actividade produtiva o próximo mércores, día 18, na fábrica que quedou intacta tras as lapas, para o que adaptarán a planta e supervisarán se dispoñen de suficiente materia prima e envases.

Segundo comentou, da maquinaria da antiga nave non se vai recuperar “nada” xa que quedou arrasada polo lume, senón que van arrancar coa maquinaria que xa tiñan na outra planta e que serve “para certas producións” e buscarán a que lles fai falta para o resto de producións.

ERE

En canto ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE), Campuzano, que afirmou que os investigadores non lles informaron de momento sobre as causas que orixinaron o incendio, indicou que non foi solicitado como prevían inicialmente porque a Consellería manifestou que non era necesario ata que perfilasen as condicións.

Así as cousas, informou de que están a realizar unha planificación do traballo e dos empregados necesarios, un informe que estiman concluír en próximos días, de cara a presentar a solicitude de ERE a próxima semana. “Cando estea todo claro, presentarémolo”, afirmou.

O presidente do comité de empresa, Edward De Llano (UGT), avanzara que o ERE inicialmente será temporal e as súas características, número de traballadores afectados e condicións, serán negociadas nos próximos días entre o comité e a dirección.

13 de maio de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.