En Marea mantén ao seu número 3 pola Coruña malia a discusión interna para cambialo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A coalición En Marea -Podemos, Anova e Esquerda Unida- mantivo ao número 3 por A Coruña, Xaime Subiela -actualmente contratado como coordinador de grupo de En Marea-, para as eleccións do 26 de xuño malia a discusión interna entre os seus socios por este nome.

Finalmente impúxose o criterio de non mover os nomes das listas salvo petición persoal dos candidatos ou decisión da formación política, no caso de Esquerda Unida e Podemos, ou cambios motivados polas primarias internas que fixo Anova, quen someteu a consulta da militancia os nomes para as eleccións de xuño como xa fixera para decembro.

Os socios da coalición decidiron reeditar o acordo político que levou a En Marea o pasado 20 de decembro a irromper con seis deputados e dous senadores nas Cortes Xerais. Nestes acordos estaban distribuídos postos para ocupar nas candidaturas, negociación que no seu día foi especialmente relevante no caso das provincias de A Coruña (o un para Podemos e o dous para Esquerda Unida) e Pontevedra (o un para Anova e o dous para Podemos).

Naquela ocasión, os tempos para a negociación dos socios, segundo argumentaron no seu día, levoulles a non poder celebrar primarias, aínda que era unha petición expresa de colectivos como Encontro por unha Marea Galega, a plataforma cidadá a favor da confluencia que apoiou a coalición En Marea.

Pero durante os últimos cinco meses foron diferentes as tensións que viviu a coalición, dende a fórmula na que se dotou no Congreso (finalmente agrupación parlamentaria no grupo confederal liderado por Podemos), ata a actuación que se foi seguindo.

CAMBIO DE LIDERADO EN PODEMOS GALICIA

Paralelamente produciuse un cambio no liderado de Podemos Galicia, que enfrontou unha das deputadas, Ángela Rodríguez, á actual secretaria xeral, Carmen Santos, o que abriu na propia mesa coordinadora de En Marea divisións internas.

Mentres que os dous deputados de Podemos Galicia (Ángela Rodríguez e Antón Gómez-Reino) coinciden coas liñas que defende Esquerda Unida e o seu líder e deputada, Yolanda Díaz; Anova perdeu varias discusións internas, como a creación dun partido instrumental para o 26 de xuño, algo que, non obstante, si defenden Esquerda Unida e os mencionados dous deputados para as autonómicas a través do proceso Mareas en común.

Á vez, Carmen Santos ha aseverado, apoiándose nos documentos cos que se presentou nas primarias internas de Podemos Galicia, que a formación morada ou se presenta en solitario ou con En Marea -democratizada- para a cita coas urnas de outono. Así, na asemblea do 15 de maio contou co apoio de Carolina Bescansa, quen preguntada polo proceso para as autonómicas desligouse deixándoo en mans do que decidan os inscritos de Podemos Galicia.

NOVA DISCUSIÓN POLAS LISTAS

Con estes antecedentes volveuse producir unha nova tensión no seo de En Marea a propósito do número tres da candidatura por A Coruña, Xaime Subiela, que actualmente permanece contratado como coordinador da agrupación parlamentaria no Congreso.

Segundo as distintas fontes consultadas, houbo un contacto por parte de Anova con Subiela para abordar a súa situación, xa que por parte da formación nacionalista se vía incompatible que mantivese o posto de coordinador co de candidato na lista por A Coruña.

O domingo tivo lugar unha reunión da mesa coordinadora de En Marea na que se tratou este tema e, segundo as fontes consultadas, Anova trasladou a intención de que houbese este cambio nas listas, toda vez que para o 20 de decembro entendíase que o posto número 3 lle correspondía á formación liderada por Xosé Manuel Beiras, que cedeu o oco a un perfil cidadán, neste caso, a Subiela, vinculado á confluencia de Ames e que tamén participou en Encontro Cidadá por unha Marea Galega.

As fontes consultadas tamén apuntaron que o que foi número 3 por A Coruña o 20 D manifestou este luns a súa disposición a seguir na candidatura, malia o que se comunicara na mesa de coordinación. Sobre esta cuestión, outras persoas consultadas aseguraron que Subiela só indicou que el non ía ser un “obstáculo” se parecía o “axeitado” cambiar de persoas (por incompatibilidades), pero que entendía que debería buscarse un perfil significativo no mundo das mareas e independentes, como o que el representaba.

De feito, ao longo da xornada deste luns 23 (na que ás 00,00 horas finalizaba o prazo para rexistrar listas) un dos nomes que se barallou para substituír a Subiela no posto número 3 foi o de Quique Costas, voceiro da Plataforma de Afectados pola Hepatite C e vinculado tamén a Encontro.

Non obstante, aínda que parte dos socios de En Marea entenderon que se acordara cambiar o número tres por A Coruña (así dábano por feito Anova e Podemos Galicia o domingo), este luns reabriuse o debate entre os socios. Esquerda Unida considerou que non debían modificarse nomes salvo petición expresa e entendeu que se falara do tema con “ambigüidade” e, dado que non había outro nome de consenso, se mantiña o de Subiela.

Finalmente, as listas foron rexistradas con cambios puntuais (o máis significativo o número dous de Lugo, a cargo de Esquerda Unida), pero a candidatura que foi rexistrada, por apoderados de Podemos, mantivo o número tres que xa fora o 20 de decembro.

OUTROS CAMBIOS

Á marxe destes cambios, na lista de A Coruña caeu Flora Miranda Pena (Compostela Aberta) do número cinco, de maneira que se correron todos os lugares da lista e entrou no oito Loreto Taibo, que antes era suplentes. Na lista de suplentes, sitúanse agora Eduardo García Santiago, Pablo Nieves e Cristina Amor (Anova). Tamén se produciron cambios puntuais na lista para o Senado.

En Lugo, o cambio máis significativo rexistrouse no número dous, ao caer Orballo Somoza López e entra Vanessa Somoza Domínguez (un posto de Esquerda Unida froito dunha decisión interna), aínda que tamén hai outras modificacións técnicas en suplentes para a Cámara Alta.

Mentres, na provincia de Ourense, o número catro ao Congreso, que era Carlos Lorenzo Simón foi cambiado por Víctor Manuel Gil Lamas (un cambio polo resultado das primarias de Anova, xa que o que foi candidato non se presentou para o novo proceso por motivos persoais), que era o suplente un na anterior convocatoria.

Xa no Senado, unha das principais novidades é a presenza de David Fernández Calviño -como suplente de María do Pilar Barros Barco- e quen foi parlamentario de AGE ata se ir a Dinamarca para seguir coa súa carreira investigadora.

Xa na provincia de Pontevedra, mantéñense como números un e dous Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez, pero hai un cambio no número seis, en que entrou María Rosario González Seoane no oco de Blanca Barrio Gutiérrez.

24 de maio de 2016 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.