En Marea avanza que volverá pedir a comisión de investigación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

En Marea celebrou a decisión da Audiencia Provincia de reabrir a instrución do accidente do Alvia acontecido na curva de Angrois, en Santiago de Compostela, en xullo de 2013, e avanzou que volverá pedir a comisión de investigación no Congreso dos Deputados, como xa fixo na lexislatura que acaba de rematar -aínda que os votos do PP e o PSdeG o impediron-.

A través dun comunicado de prensa, tras coñecer o auto da audiencia, a coalición de Anova, Podemos e Esquerda Unida resaltou que “non hai democracia real se dende o ámbito xudicial e político non se aclaran as verdadeiras responsabilidades e decisións que están detrás de sinistro”.

Os membros da coalición recordaron que o voceiro do PP, Rafael Hernando, lles chegou a cualificar de “miserables” por levar á Cámara Baixa a petición, pero, para En Marea, “é obvio que tanto uns como outros teñen moito que ocultar”. “E imos seguir traballando sen descanso para que tanto as vítimas, como a sociedade en xeral, coñezan toda a verdade, posto que tal e como defendemos na nosa intervención no Congreso”, que pronunciou Alexandra Fernández, En Marea “está convencida de que a corrupción mata”, afirmou.

“E non imos permitir que se siga blindando en postos de responsabilidade aos corruptos que antepuxeron os intereses económicos e electorais á seguridade e á vida das persoas”, sentenciou.

“Esperamos que esta decisión da Audiencia Provincia da Coruña sirva tamén para que o PSOE recapacite e rompa o pacto de silencio que mantén co PP neste asunto, que durante tres anos impediu a comisión de investigación e negoulle ás vítimas o dereito á verdade”, desexa En Marea.

27 de maio de 2016 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.