Educación investirá 200.000 euros para abrir un centro de interpretación na igrexa de San Martiño de Foz
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá arredor de 200.000 euros na apertura dun Centro de Interpretación na igrexa de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, co obxectivo de ampliar o coñecemento deste conxunto monumental e achegalo ao público xeral. En concreto, este novo espazo cultural situarase na antiga casa reitoral.
O investimento da Xunta queda recollido nun acordo de colaboración asinado hoxe entre o conselleiro Román Rodríguez; o alcalde do concello, Javier Jorge Castiñeira; e o vicario xeral da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Antonio Rodríguez Basanta. O conselleiro –que estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, María del Carmen Martínez Insúa, e pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias– destacou o “atractivo cultural e turístico” deste complexo, que se verá incrementado unha vez entre en funcionamento o Centro de Interpretación.
En virtude desta cooperación, proposta pola Consellería para difundir o valor da que é a catedral católica máis antiga de España que se conserva en pé, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural colaborará co financiamento do deseño do proxecto e na montaxe e dotación dos recursos expositivos.
Incrementar as visitas
Pola súa banda, o Concello asumirá a xestión do Centro e os custes derivados da súa apertura pública, incorporando os espazos e recursos do mesmo á oferta de visita pública. Cómpre lembrar que o propio municipio xa tiña a disposición dos veciños e turistas un servizo de visitas guiadas na igrexa, pero esta actuación axudará a reforzar a difusión turística e cultural deste conxunto monumental.
Por último, o compromiso da Diocese de Mondoñedo-Ferrol e a parroquia de San Martiño de Mondoñedo susténtase na cesión do uso dos espazos acondicionados para o Centro, así como das pezas mobles que formarán parte da colección.
Co acordo xa asinado, o seguinte paso é a redacción do documento técnico, onde quedarán definidos o deseño expositivo, contidos e deseño museográfico do futuro Centro. A continuación, a Consellería procederá a licitar os traballos de montaxe a apertura, previsiblemente no último trimestre deste ano, co fin de que o novo espazo cultural poida entrar en funcionamento, totalmente equipado e preparado, no verán do ano 2017.
Visita a Meira e Riotorto
Por outro lado, o conselleiro tamén visitou os concellos lucenses de Meira e Riotorto. No primeiro interesouse polo retablo da igrexa de Santa María, mentres que en Riotorto aproveitou para visitar a Casa da Cultura, onde manifestou a posibilidade de colaborar co concello no inventario do fondo bibliográfico.