Deteñen a un home en Santiago que roubou disfrazado 500 euros nun comercio téxtil
Axentes da Policía Nacional detiveron o pasado día 10 a un home en Santiago de Compostela por un roubo con intimidación nun comercio téxtil do que subtraeu 500 euros disfrazado e cun obxecto punzante.
Segundo informou a Comisaría de Santiago, os feitos sucederon a finais do mes de abril cando este individuo entrou nun establecemento comercial da rúa Santiago de Chile e momentos despois saíu dirixíndose a outro de venda de lambetadas sito a uns metros de alí. Cando o dono do primeiro local viu o que estaba a punto de suceder, chamou a Policía.
O individuo, antes de entrar no local, tapouse a cabeza cun gorro e puxo uns lentes de sol. Posteriormente, xa dentro da tenda de lambetadas, ameazou a empregada cun obxecto punzante e intentou “subtraer o recadado”, segundo relatan as mesmas fontes policiais, que engaden que saíu de alí para desprazarse a outro establecemento comercial en busca do seu obxectivo.
Finalmente, meteuse nunha tenda téxtil e, tras ameazar cun coitelo a empregada, esta entregoulle a recadación, uns 500 euros, tras o que marchou do lugar dirección ao campus.
Tras xestións oportunas, os investigadores lograron identificar o autor dos feitos, un novo de 29 anos, que coincidía coa descrición das testemuñas. Este individuo contaba con varias detencións por feitos similares. O mércores, tras pasar a disposición xudicial, o xuíz decretou o seu ingreso en prisión.











