publicidade hoxe

Deputación e concello de Salceda de Caselas impulsarán proxectos comúns ao longo da lexislatura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSalceda de Caselas
A-
A+

Na súa primeira visita institucional ao Concello de Salceda de Caselas, a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, comprometeuse co alcalde, Marcos Besada, a prestar toda a colaboración do seu goberno para traballar conxuntamente nos proxectos que ten pendentes este municipio.

A Deputación de Pontevedra concedeu a Salceda de Caselas, este ano, 568.055,27€ do Plan Concellos, é dicir, preto de 200.000 € máis que en 2015, que o municipio poderá destinar a financiar emprego, investimentos, actividades e gasto corrente. Na actualidade, a institución provincial adxudicou xa máis do 41,25% do importe que lle corresponde a Salceda de Caselas, é dicir 235.000 €, que o concello está a investir en gasto corrente, programas en materia de violencia de xénero e en materia de demencias neurodexenerativas, eventos deportivos, festas gastronómicas e contratación de 24 traballadoras e traballadores. Amais, o goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe por Resolución Presidencial a achega de 46.000 € ó concello para a adquisición dunha mini pala escavadora, dun camión guindastre e dun volquete.

Carmela Silva destacou que “as deputacións teñen que situarse ó lado dos concellos e escoitar os proxectos que queren impulsar posto que son eles os que coñecen as necesidades das súas veciñas e veciños”. No caso concreto de Salceda, a Presidenta da Deputación manifestou a colaboración “en materia de mellora das catro estradas provinciais que pasan polo concello, así como en investimentos en saneamento, deporte, medio ambiente, turismo e políticas culturais que garantan as necesidades da veciñanza e impulsen o desenvolvemento económico e creación de emprego no concello”.

Amais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou ao alcalde que todos os colectivos sociais, culturais, deportivos e de calquera índole tamén poden optar a subvencións e axudas que se tramitan polo sistema de pública concorrencia. Neste contexto, a Silva recoñeceu a dificultade de xestionar os escasos recursos dos municipios máis pequenos e por elo avanzou que ademais do incremento do Plan Concellos, “estamos a elaborar plans de actuación en todas as áreas como deportes, infraestruturas, turismo, cultura ou política social”, sinalou.

Pola súa banda, o Alcalde de Salceda, Marcos Besada, agradeceu expresamente a presenza de Carmela Silva, “porque desde hai moitos anos a Presidencia da Deputación de Pontevedra non visitara oficialmente o Concello” así como “ese espírito novo de construír, transformar e traballar conxuntamente para o beneficio de Salceda”. En concreto, Besada manifestou que, da man da Deputación, estanse a “recuperar espazos para as persoas así como tramos e sendas fluviais; adquirindo maquinaria que permita reformar as estruturas do concello; impulsando o deporte, a cultura e o benestar social así como contratando a 24 persoas das cales 19 xa están a traballar no concello”.

No transcorrer da reunión de traballo, que se desenvolveu nun ambiente de total cordialidade e afecto, a Presidenta da Deputación asinou no libro de honra do concello de Salceda de Caselas.

4 de maio de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.