Darío Campos reitera a súa confianza en José Ramón Gómez Besteiro
O presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, reiterou a súa “confianza” no goberno provincial presidido polo seu compañeiro de filas José Ramón Gómez Besteiro, quen este mesmo mércores se acolleu ao seu dereito a non declarar ante a xuíza que instrúe a Operación Pulpo, Pilar de Lara.
Ademais, a preguntas dos xornalistas tras un acto no Pazo de San Marcos, Campos lamentou que esta investigación “está a facer dano” á institución e “á honra de moita xente”.
“Eu creo que non é nada. Non vou dicir que é unha montaxe, pero é buscar pistas onde non as hai”, opinou acerca da investigación xudicial sobre un suposto amaño de concesións públicas na etapa de Besteiro que arrancou a raíz dunha denuncia por acoso laboral contra o xefe de Protocolo da institución, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, que declarou onte ante De Lara durante seis horas.
Así pois, o presidente provincial reclamou “rapidez” á Xustiza, ao tempo que mostrou unha vez máis a súa “confianza no anterior goberno e en todos os funcionarios desta casa”. Tanto Besteiro como a que fose o seu xefe de Comunicación acolléronse este mércores ao seu dereito a non declarar amparándose no segredo de sumario que aínda pesa sobre algunhas partes da investigación.











