publicidade hoxe

Conde destaca que a diversificación industrial de Ferrolterra é xa unha realidade coa eólica offshore

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Francisco Conde na apertura da xornada

Francisco Conde na apertura da xornada

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou esta mañá na apertura da xornada Galician Offshore International Hub que a diversificación industrial de Ferrolterra é xa unha realidade con iniciativas como aposta polo hub de GNL e coa eólica offshore. O conselleiro apuntou que, ao tempo que o naval da comarca está consolidando a súa recuperación coa construción civil e militar de buques e a área de reparacións, está a conseguir carga de traballo nunha nova área de gran percorrido, a eólica offshore, lembrando que os proxectos Wikinger e Hywind supoñen un investimento de máis de 100 millóns de euros e están a ocupar a máis de 800 persoas en Fene.

Conde, que destacou que Navantia ten máis de 1.000 millóns de euros en carga de traballo, sinalou que hoxe a enerxía está a transformar a industria galega, nun proceso ligado á innovación e á diversificación e á aposta pola eficiencia enerxética.

O conselleiro sinalou que Galicia está sabendo converter en oportunidades os retos que se presentan a nivel global no aproveitamento dos recursos naturais dispoñibles. Así, fixo referencia ao concurso eólico, que está a xerar máis de 1.000 millóns de investimento e ten permitido crear máis de 2.000 empregos directos a través dos plans industriais asociados; á aposta pola biomasa, ou a proxectos como a zona experimental de Punta Langosteira.

Neste contexto, Conde fixo fincapé en que Ferrolterra está a ser clave, ademais de no eido da eólica offshore, co HUB gasístico, no que traballan Reganosa, Navantia, a Universidade de Santiago, a Autoridade Portuaria e a Xunta, e que procura facer de Ferrol e do seu porto o centro de distribución enerxética do Noroeste peninsular.

No tocante á eólica offshore, Conde sinalou que este ámbito de actividade permite camiñar cara os obxectivos fixados tanto na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, coa que se busca reinventar a industria galega, como na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).

Esta centra o segundo dos seus tres retos en mellorar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega, aproveitando novos nichos de mercado e orientando a experiencia dos sectores auxiliares do naval ou da automoción de cara a acceder a industrias de alta tecnoloxía.

Francisco Conde sinalou que non se está a facer só nese ámbito, senón tamén na aeronáutica, co polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, ou no aeroespacial, remarcando que Galicia está a construír unha nova industria que non só innova para ser máis competitiva no seu negocio tradicional, senón que, a través do coñecemento, se abre portas en sectores cunha gran proxección de futuro.

12 de maio de 2016 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.