Conde destaca o traballo da Xunta para facer da enerxía un instrumento de cohesión social

Francisco Conde na intervención nas xornadas
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe o traballo da Xunta para facer da enerxía un instrumento de cohesión social e destacou neste senso ferramentas postas en marcha polo Goberno galego como o ticket eléctrico social ou a iniciativa para evitar os cortes de luz por impago das familias máis desfavorecidas. Conde participou na xornada Las cuentas de la energía: entender la tarifa, onde defendeu a aposta da Xunta por unha estratexia integral de apoio aos consumidores máis vulnerables, que nace do diálogo coa sociedade civil e cuxo primeiro paso, resaltou, foi dotar aos consumidores dunha información adecuada ao novo contexto enerxético e, en especial, á nova factura.
Conde sinalou que “estamos preto das familias que se atopan en situacións económicas máis complicadas”, contribuíndo a sufragar parte da súa factura, e evitando que a falta de medios económicos lles supoña o corte da luz. No actual escenario, “que dificulta a moitas familias dispor dos recursos suficientes para o pagamento da enerxía coa que cubrir as súas principais necesidades, a Xunta ten asumido o apoio” aos máis desfavorecidos. Así, o conselleiro lembrou que en 2014 a Xunta puxo en marcha o ticket eléctrico social, una medida coa que contribúe con ata 300 euros ao ano ao pago da factura. O programa ten contribuído á cohesión social galega, apoiando a apoiado a preto de 4.000 familias desde o seu inicio.
Ademais, lembrou o conselleiro, o Goberno galego complementou esta medida cunha iniciativa orientada a evitar os cortes de subministración eléctrica por impagamento ás familias galegas máis vulnerables. A iniciativa, que xa ten axudado a máis de 200 fogares, permite cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, garantindo deste xeito o servizo básico.
Ademais, Conde subliñou a importancia de apostar pola eficiencia enerxética nos edificios galegos como forma de abaratar a factura eléctrica das familias, e neste senso lembrou o papel dinamizador do Plan de Vivenda Eficiente, co que o Goberno galego xa ten apoiado a máis de 3.500 familias e vén de ampliarse para chegar a 1.300 máis. O obxectivo é acadar importantes aforros enerxéticos a través da substitución de fiestras, cubertas e fachadas, por outras máis eficientes. Esta medida vén acompañada doutra nova edición do Reforma 16, apuntou o conselleiro, que busca o aforro nas cociñas e baños, e que xa chegou a 3.000 fogares o ano pasado, e neste exercicio acadará as 5.000 familias. Conde referiuse, tamén no marco da eficiencia nos fogares, á instalación de máis de 3.000 caldeiras de biomasa, un dos instrumentos máis eficaces para aforrar enerxía, con especial foco no eido rural.
Este labor complétase cun traballo de sensibilización e de defensa dos consumidores. Neste senso, a través do Inega e do Instituto Galego de Consumo, a Xunta ten activos varios instrumentos de información e sensibilización, como a campaña As claves da factura eléctrica, que recolle recomendacións que Conde destacou como necesarias para rebaixar o impacto da electricidade nas economías familiares.
O conselleiro defendeu a necesidade de revisar a potencia contratada, instalando xestores de potencia; evitar o consumo nas horas máis caras, especialmente a aquelas familias con contadores dixitais; acollerse ás tarifas de discriminación horaria, que aportan aforros de ata o 10%; e apostar pola eficiencia no consumo dos electrodomésticos do fogar. Todo este traballo, dixo o conselleiro, compleméntase coa defensa diaria que fai o Instituto Galego de Consumo, protexendo aos galegos de posibles abusos e tramitando as súas reclamacións, a través dun constante labor de defensa do consumidor eléctrico.











