Conclúen as obras de mellora da intersección de acceso á igrexa de Doroña
A Consellería Infraestruturas e Vivenda vén de rematar as obras de mellora da intersección situada no punto quilométrico 3+500 da estrada AC-151, Campolongo-Montesalgueiro, que dá acceso á igrexa de Doroña, en Vilarmaior.
As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L. por un importe superior a 150.000 euros.
A solución proxectada para mellorar o acceso consistiu na execución dunha nova intersección e para iso foi preciso o cambio de trazado do acceso existente, o que requiriu da construción dun novo viario de aproximadamente 182 metros de lonxitude. Acondicionouse ademais o noiro da marxe esquerda da estrada, diminuíndo a súa pendente de xeito que non supoña un obstáculo para a visibilidade.
As obras de mellora no acceso á igrexa de Doroña beneficiarán aos preto de 1.200 veciños de Vilarmaior, pero tamén a todos aqueles que se acheguen a coñecer este importante ben patrimonial.
Trátase dunha actuación que certifica o compromiso do Goberno galego coa mellora da seguridade viaria no conxunto de infraestruturas que percorren o territorio, tamén as dos pequenos concellos do interior, como é o caso de Vilarmaior.
A continuación, nas imaxes amósanse as melloras executadas nesta área.