Comezan os traballos topográficos da nova estación de autobuses intermodal de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A empresa PROYFE, S.L., adxudicataria do contrato de redacción do proxecto construtivo da nova estación de autobuses de Ourense, integrada na terminal de ferrocarril e polo tanto, intermodal, comezará hoxe os traballos topográficos sobre o terreo para avanzar no seu cometido.

A redacción do proxecto construtivo supón un investimento de máis de 103.500 euros e conta cun prazo de execución de 6 meses, inclúe os traballos de levantamento topográfico; xeotecnia; e as redaccións dos proxectos básico e de execución.

As labores relativas ao levantamento topográfico consistirán en completar o levantamento topográfico realizado con obxecto dos estudos previos. O seu alcance será o necesario para poder estimar a idoneidade das solucións construtivas que se decidan, tanto a nivel de proxecto básico como a nivel de proxecto de execución.

Estas tarefas incluirán o levantamento das edificacións, construcións e instalacións de calquera índole como: postes, cables aéreos, arquetas e pozos de rexistro, entre outros, que estean presentes no ámbito da actuación ou que poidan verse afectados pola mesma en calquera das súas fases.

Estes traballos definirán o deseño óptimo para a estación intermodal co fin de facilitar aos cidadáns un intercambio áxil e eficiente entre os distintos modos de transporte.

O proxecto de intermodal para Ourense supón achegar a estación de autobuses a unha ubicación máis céntrica e facilitar o intercambio de viaxeiros entre modos de transporte. As actuacións integrais no eido da intermodalidade inclúen a adaptación de andéns e de conexión entre barrios por parte do Adif.

A nova estación de autobuses situaríase xunto á estación ferroviaria. Segundo a análise dos estudos previos realizados pola Xunta de Galicia para avanzar na estación intermodal, a terminal de autobuses deberá contar con 19 dársenas. Ademais, construirase un edificio terminal duns 430 m2 e a superficie total chegará a 5.800 m2. Tanto a terminal como as dársenas se construirían ao nivel da rúa.

5 de maio de 2016 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.