publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cinco bandas da provincia da Coruña optan ao premio do concurso “Quero Cantar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCeeLaxeOutesPorto do Son
A-
A+

Finalizada a votación popular, cinco son as bandas finalistas que pasarán á gala final da primeira edición do certame de canción infantil Quero Cantar, promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Laxe, Cee, Serra de Outes, a Coruña e Porto do Son son as localidades das bandas finalistas.

O domingo ás oito da tarde remataba o prazo para votar a través da rede social Facebook e o resultado da consulta popular deu xa as cancións e as bandas que participarán na gala final do certame Quero Cantar, que ha ter lugar no Teatro Colón da Coruña o vindeiro mes de xuño. O público puido escoitar e escoller entre os dez temas que superaron a primeira fase e cos seus Gústame decidiu que as bandas finalistas fosen:

-Colaxe, de Laxe, coa canción Durme, Elsiña

-Grupo do Colexio Manuela Rial Mouzo, de Cee, coa canción Soños

-Xente miúda de San Orente, da Serra de Outes, coa canción Escola

-Banda batuke do Colexio das Xesuitinas, da Coruña, coa canción Samaín

-Leila Santos, do Porto do Son, coa canción A árbore tropical

Serán as cinco bandas finalistas da primeira edición do certame, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña co obxectivo de impulsar a creación poética e musical en galego entre a rapazada. Ao certame presentáronse 18 propostas, enviadas todas desde diferentes puntos da Coruña, coa excepción dun tema composto por un grupo de Chantada.

“Trátase dunha primeira experiencia que tiña como obxectivo poñer a cantar a nenos e nenas na nosa lingua nun momento de especial relevancia para a música en galego para o público infantil. Quixemos que as crianzas fosen cómplices e protagonistas no certame ao que lle queda aínda unha terceira fase que será a gala que se está a preparar con moito entusiasmo”, explicou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei.
De entre todas as cancións recibidas, un xurado formado por músicas e cantantes con experiencia no ámbito da música infantil encargouse de seleccionar estas dez que agora se sometían á votación pública na páxina Facebook do concurso.

As dez cancións que superaron a selección do xurado profesional conseguiron xa o primeiro dos premios, que é a súa gravación profesional e a inclusión nun CD que ha ser distribuído por colexios públicos de toda Galiza, ao tempo que ha poder ser descargado de balde desde a páxina www.querocantar.gal , onde agora mesmo se poden escoitar tamén todas as maquetas e vídeos recibidos inicialmente.

30 de maio de 2016 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.