Cecilia Vázquez destaca a importancia da dinamización das redes de información xuvenil nun encontro en Santiago
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe nunha xuntanza cos 4 mozos e mozas que participan no programa Correspondentes xuvenís 3.0 no IES Antón Fraguas de Santiago. Cecilia Vázquez agradeceu o seu traballo voluntario e resaltou que “a dinamización da información dentro do sistema educativo está considerada un eixo fundamental para ter redes de información xuvenil verdadeiramente operativas”. Así mesmo, lembrou que “esta é unha iniciativa de educación non formal que fomenta a participación xuvenil, ao tempo que o correspondente adquire valores como a solidariedade, o liderado e habilidades comunicativas e sociais”.
No total galego, no programa Correspondentes xuvenís 3.0 participan neste curso escolar 482 mozos e mozas, estudantes do segundo ciclo da ESO, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional. Está presente en 67 centros da comunidade galega, dos que 63 son institutos de secundaria, 3 residencias xuvenís e o Centro Residencial Docente de Vigo. No caso da cidade de Santiago, participan neste programa un total de 19 alumnos dos IES Xelmirez e Sar e dos colexios Cluny e Peleteiro.
Os alumnos “correspondentes” reciben información de xeito periódico, así como un boletín informativo semanal e outro material de interese que se elabora no Centro coordinador de información xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta publicación contén todos aqueles temas que poden ser de interese para os mozos e mozas como bolsas de axudas, ofertas de traballo, recursos e direccións de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre.
Unha vez recollida a información, o “correspondente” a difunde entre os seus compañeiros a través de diferentes medios como taboleiros no propio centro educativo, blogues ou redes sociais. Os “correspondentes” son mediadores de información xuvenil entre iguais, o que redunda nunha mellor acollida por parte dos compañeiros e compañeiras, ao sentirse máis identificados coa temática cando non é un adulto que o informa.
Correspondentes xuvenís 3.0 tamén dá visibilidade ás actuacións xeradas polo propio centro coma certames, concursos ou viaxes, e todas elas poden ser exemplos de boas prácticas a seguir por outros centros ou entidades xuvenís.











