Catro individuos detidos por dar unha malleira a un mozo para roubarlle o teléfono e a carteira en Vigo
Axentes do Corpo Nacional de Policía da Comisaría de Vigo detiveron a catro individuos, de entre 25 e 35 anos de idade (tres deles de nacionalidade romanesa), como presuntos autores dun delito de roubo con violencia, tras dar unha malleira a un mozo para roubarlle.
Segundo informaron fontes do 091, os feitos tiveron lugar a pasada madrugada, cando se recibiu un aviso en Comisaría de que se estaba producindo unha agresión a un mozo nun bar da rúa Travesía de Vigo.
Ao chegar, as testemuñas relataron aos axentes que a vítima estaba sentada nunha mesa e que os catro detidos, que estaban noutra, levantáronse de súpeto e dirixíronse cara a el, facendo ademán de collerlle o teléfono.
O mozo tratou de evitar o roubo, e os seus asaltantes comezaron a golpealo cos puños e darlle patadas, arrastrándoo ao exterior do local, onde se esborrallou tras recibir un forte golpe, instante que foi aproveitado polos ladróns para facerse co seu teléfono móbil e a súa carteira e fuxir.
A Policía requiriu os servizos do 061 para atender ao mozo, mentres que estableceu un dispositivo de procura para deter aos supostos ladróns, que foron finalmente localizados, tratando de esconderse, nas inmediacións do parque do Párroco José Otero.
Os axentes atoparon ocultos entre as súas roupas os efectos subtraídos, polo que foron detidos e traslados a Comisaría, onde se comprobou que algúns deles teñen antecedentes por feitos similares. Os arrestados e as dilixencias practicadas foron postas a disposición do xulgado de instrución número 4 de Vigo.











