publicidade hoxe

Catoira acollerá o VI Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas en outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación do congreso de adestradores de piragüismo

Presentación do congreso de adestradores de piragüismo

O concello de Catoira reunirá os próximos 14, 15 e 16 de outubro ao mellor persoal de adestramento e técnica de piragüismo a nivel nacional e internacional dentro do VI Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas. Un evento que se presentou hoxe en rolda de prensa no Pazo Provincial, coa presenza da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Catoira, Alberto García García; o secretario xeral para o Deporte da Xunta, Xosé Ramón Lete; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea García; e o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo.

A Deputación de Pontevedra colabora con este evento, que está organizado polo Club de Piragüismo As Torres de Catoira, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo e as federacións galega e española de Piragüismo. Nesta edición prevese contar con case 300 participantes de máis de vinte diferentes nacionalidades co obxecto de intercambiar coñecementos e actualizar avances no mundo do piragüismo en augas tranquilas.

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, resaltou que o alcalde de Catoira, Alberto García, “entendeu a importancia da intelixencia de que dende un concello pequeno se aposte pola excelencia”. Sinalou ademais que as institucións deben “traballar de cara a ela” sobre todo nun campo como o deporte que “cada vez é máis esixente” e necesita duns maiores “reflexión e estudo”. A presidenta amosou a súa satisfacción por que Catoira albergue un evento “único no mundo” nunha provincia que é “un referente do piragüismo no mundo”.

Precisamente o alcalde de Catoira, Alberto García, que tamén sinalou o carácter único no mundo deste congreso, puxo en valor que con este evento se pon no mapa tanto o deporte como toda Galicia –non en van o Congreso será presentado en Alemaña esta fin de semana–. Á súa vez, pediu que dende as institucións se dea un maior apoio a estas iniciativas que “redunden no beneficio de todas e todos”.

Neste evento, celebrado cada dous anos, reúnense os principais adestradores e adestradoras de equipos nacionais e clubs de piragüismo, así como persoal técnico de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional. Tal e como se destacou hoxe na presentación, nesta edición, ao coincidir cos Xogos Olímpicos de Río, as conferencias se centrarán dun xeito moi técnico en ver como se acertou e se fallou na mencionada competición.

En paralelo ao Congreso, e para mellorar a formación dos preparadores e dos propios deportistas, este ano terá lugar por primeira vez un Taller de Educación Nutricional para Piragüistas, unha iniciativa teórico-práctica que afondará na necesidade de combinar unha dieta correcta e un bo adestramento como claves para o éxito e o benestar deportivo.

Dende a súa primeira edición, este Congreso celébrase sempre na localidade de Catoira, un dos concellos punteiros do piragüismo en Galicia, cun club, o Club de Piragüismo As Torres de Catoira, que sempre está entre os oito e dez mellores clubs de toda España e conta cunha das mellores canteiras de Galicia.

12 de maio de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.