publicidade hoxe

Carmela Silva realiza a súa primeira visita institucional a Campo Lameiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na visita oficial a Campo Lameiro

Carmela Silva na visita oficial a Campo Lameiro

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na súa primeira visita institucional ao Concello de Campo Lameiro, comprometeuse co alcalde, Julio Sayáns, a prestar toda a colaboración do seu goberno para traballar e impulsar conxuntamente proxectos ao longo da lexislatura.

A Deputación de Pontevedra concedeu a Campo Lameiro, este ano, 361.447,90€ do Plan Concellos, é dicir, preto de 54.000 € máis que en 2015, que o municipio poderá destinar a financiar emprego, investimentos, actividades e gasto corrente. Na actualidade, a institución provincial adxudicou xa máis do 22,5% do importe que lle corresponde a Campo Lameiro, que o concello está a investir na contratación de 14 traballadoras e traballadores.

Carmela Silva atendeu as demandas formuladas polo alcalde do concello e adiantou que traballará conxuntamente con Campo Lameiro para poñer en valor o parque arqueolóxico, ó que cualificou como “o máis relevante de Europa”, a través “da súa promoción para impulsar o coñecemento así como garantindo que as e os visitantes do parque teñan todos os servizos que demandan á súa disposición”. Silva tamén avanzou que no marco do plan de turismo que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver “dedicaremos unha liña de actuación ó impulso do patrimonio histórico e arqueolóxico, polo que Campo Lameiro xogará un papel moi importante”.

Amais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou ao alcalde que todos os colectivos sociais, culturais, deportivos e de calquera índole tamén poden optar a subvencións e axudas que se tramitan polo sistema de pública concorrencia. Neste contexto, Silva recoñeceu a dificultade de xestionar os escasos recursos dos municipios máis pequenos e por elo avanzou que ademais do incremento do Plan Concellos, “estamos a elaborar plans de actuación en todas as áreas como deportes, turismo, cultura ou política social”, sinalou.

No transcorrer da reunión de traballo, que se desenvolveu nun ambiente de total cordialidade, o alcalde de Campo Lameiro agradeceu o compromiso da institución provincial para divulgar e dinamizar o parque arqueolóxico e aproveitou a ocasión para pedirlle á Presidenta da Deputación a posibilidade de impulsar a continuación da senda do Lérez desde Bora ata o concello

4 de maio de 2016 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.