Caballero insta a Leiceaga a traballar porque os candidatos están para gañar eleccións
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou este luns a Xaquín Fernández Leiceaga, que gañou “lexitimamente” as primarias para ser candidato á Xunta, e garantiulle o apoio do PSOE de Vigo, ao tempo que advertiu de que “agora toca traballar” para gañar as autonómicas, porque “para iso están os candidatos”.
En declaracións aos medios, o rexedor olívico, quen mostrou o seu apoio expreso a Méndez Romeu para ser candidato nas galegas, desexou “o mellor” a Fernández Leiceaga, e subliñou que “agora chega o momento de poñerse a traballar para gañar eleccións”.
Así, Caballero apuntou a que ese traballo debe ter como finalidade “sacar un mellor resultado nas xerais e gañar as autonómicas”. “Para iso están os candidatos, para gañar eleccións”, sentenciou, ao tempo que garantiu “todo o apoio” dos socialistas vigueses ao candidato, ao igual que xa se fixo “con Touriño, con Pachi e con Pedro Sánchez”.
Nesa liña, Caballero rexeitou que o proceso de primarias deixara unha ferida aberta no partido, e insistiu en que ese momento “xa pasou”. Así mesmo, sobre se ve a Leiceaga como presidente da Xunta, o alcalde de Vigo apuntou que “é el o que ten que facer a formulación” sobre o proxecto que o PSdeG vai presentar para a cita electoral de outono.
XIRA POLA “UNIDADE”
A preguntas dos medios, o rexedor referiuse á súa ‘xira’ por Galicia para traballar na “unidade” do partido, e sinalou que esa rolda de contactos se fixo porque “non había liderado” no PSdeG, “nin secretario xeral, nin ningún responsable”. “Agora a iniciativa correspóndelle tomala ao candidato”, apostilou.
Con respecto á elección do secretario xeral do PSdeG, Abel Caballero afirmou que, “o alcalde de Vigo non ten nada que dicir” ao respecto, xa que é un proceso que “corresponde á xestora e a Ferraz”.
Finalmente, Caballero volveu referirse aos gobernos municipais liderados por ‘mareas’ en Galicia, e volveu reafirmarse en que son “unha calamidade”. “Díxeno e mantéñoo, é unha obviedade, e Pedro Sánchez tamén o remata de dicir”, insistiu.
RIFIRRAFE NO PLENO
Previamente, no pleno municipal de Vigo, o concelleiro do PP Miguel Fidalgo, aludiu á ‘xira’ do alcalde vigués pola xeografía galega “buscando un candidato” para o PSdeG nas eleccións autonómicas e, ante o resultado das primarias, proclamou: “¡Vaia batacazo!”.
“Como profeta, non ten vostede prezo”, espetoulle o edil popular ao rexedor, a quen tamén lle dixo que “se querían que o candidato do PSdeG sacase peor resultado” que Caballero (que foi candidato á Xunta nos 90), “vano conseguir”. “Para batacazo o seu nas municipais”, replicoulle Caballero.











