publicidade hoxe

Alfonso Rueda defende que se coordinou adecuadamente no incendio de Fandicosta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+
Europa Press

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que no incendio de Fandicosta, que arrasou a metade da planta situada en Moaña (Pontevedra), os servizos de emerxencias actuaron “adecuadamente” e a coordinación do 112 “cumpriu a súa función”, aínda que se mostrou aberto a cambiar os protocolos de actuación se así o determinan os técnicos.

Así, a preguntas dos xornalistas sobre as críticas de efectivos de bombeiros acerca de que o operativo neste sinistro foi “un caos” e tivo “graves deficiencias”, Rueda recalcou que os responsables do 112 que dirixiron a coordinación “acreditaron repetidamente que os protocolos se cumpriron”.

Ademais, puxo en valor que aínda que ardeu unha nave, “e é unha desgraza moi grande”, tamén se salvaron gran parte das instalacións” e evitáronse os problemas que poderían desencadearse polos depósitos de amoníaco. “Todo iso controlouse e coordinouse desde o punto de vista das emerxencias”, subliñou.

A iso engadiu que “hai moitas cousas que parece que non se fixeron, pero si se fixeron” e, tras reiterar que os profesionais e o 112 cumpriron “a súa función”, mostrouse aberto a que “se hai algunha cousa que mellorar ou corrixir” non haberá “ningún problema”, aínda que son “os técnicos os que teñen que dicir se se deben facer ou non” cambios.

En relación a iso, confirmou que se vai a abrir unha investigación para revisar como se desenvolveu o operativo e determinar se os protocolos deben ser reformados. “Cada vez que se produce un suceso destas magnitudes revísase como se actuou por se fixese falta corrixir ou modificar calquera cousa, e aquí farémolo tamén”, remarcou.

Rueda comentou que “o que se trata é de estar todos preparados para actuar da mellor forma en todo momento” e insistiu en que, en todo caso, “a magnitude do que podía pasar e o que logo pasou, quere dicir que os servizos de emerxencias actuaron adecuadamente”.

ECOGALIA

Estas declaracións realizounas durante unha visita á I Semana da Ecoloxía Atlántica, no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), onde puxo en valor que o sector ecolóxico ten “moitísimo futuro e moitísimo presente xa”, onde hai “moitas firmas, sobre todo de Galicia, desenvolvéndose” neste ámbito.

A continuación, Rueda eloxiou que o Ifevi acolla unha feira destas características e manteña a súa “capacidade e imaxinación para detectar sectores e temas” que fagan estes eventos. Ecogalia, que se está desenvolvendo entre o 12 e o 15 de maio, está a ser o escaparate de numerosos produtos ecolóxicos: Desde xeados, cervexas e infusións, até xabóns, aceites, xoias, roupa e cultivos.

12 de maio de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.