Alfonso Rueda considera que a decisión de non declarar de Besteiro responderá á súa estratexia
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou este mércores que a decisión do expresidente da Deputación de Lugo e exsecretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, de acollerse ao seu dereito a non declarar ante a xuíza Pilar de Lara no marco da ‘Operación Pulpo’ “responderá á súa estratexia”.
Así o manifestou, a preguntas dos medios de comunicación, durante un acto en A Estrada (Pontevedra), onde recoñeceu que descoñecía ata ese momento a decisión de non declarar do exdirixente socialista.
“Se esa foi a decisión que tomou, supoño que responderá á súa estratexia, aconsellado polo seu avogado”, concluíu Alfonso Rueda ao respecto.
Besteiro está sendo investigado nesta causa pola suposta comisión dos delitos de suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de caudais públicos durante a súa etapa á fronte do Pazo de San Marcos.











