publicidade hoxe

Alba Sánchez Barco recibe o premio do concurso ‘que estás lendo?’ de blogs de mozos lectores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal Portada
A-
A+
José Manuel Pinal na entrega do premio

José Manuel Pinal na entrega do premio

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou esta mañá na entrega de premios da edición española do concurso de blogs ‘¿Qué estás leyendo?’ , convocado pola Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, la Ciencia y la Cultura e a Fundación SM; no que foi recoñecido o traballo dunha alumna do cambadés IES Francisco Asorey, Alba Sánchez Barco.

A estudante recibiu este recoñecemento pola súa participación no certame co blog de literatura ‘Albatecuenta’ (http://albatecuenta.blogspot.com.es/ ), no que conta a súa experiencia como lectora, aborda temas do seu interese como o cine, e mesmo promove o coñecemento de outros blogs. Ademais, a organización concedeu 4 mencións especiais, unha delas a Inés Rodríguez Chas, do IES María Casares (Oleiros, A Coruña), polo blog ‘Casi un millón de historias’ (http://casiunmillondehistorias.blogspot.com.es/ ).

Na entrega de premios tamén participaron o delegado da Xunta en Pontevedra José Manuel Cores Tourís; o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Áres; Ana Ruth Arnosa, titora do IES Francisco Asorey e a directora do centro, Mª Luísa Prieto Cendán; o coordinador de programas da Fundación SM, José María González Ochoa; Belén de la Torre González, técnico de Programas Educativos da OEI; así como o concelleiro de Educación de Cambados, Víctor Caamaño, e o deputado provincial, Luis Aragunde.

Un total de 68 estudantes españoles de entre 15 e 17 anos participaron no certame ‘Qué estás leyendo’, que dá voz aos estudantes lectores para fomentar este hábito. No conxunto dos países participantes foron un total de 865 blogs os que concorreron ao concurso, de España, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, El Salvador, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Paraguay, Perú, República Dominicana, Uruguai e Venezuela.

A iniciativa busca dar cabida a unha gran diversidade de orientacións, temáticas e de linguas dos participantes, así como fomentar o intercambio de opinións e de interaccións que facilita a rede. Así mesmo enmárcase nos obxectivos dos convocantes de mellorar a calidade e a equidade na educación como medio para loitar contra a pobreza e a desigualdade; e de fomentar a lectura e a escritura.

24 de maio de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.