Agustín Hernández acusa a Noriega de evitar desgastarse como alcalde no camiño a outras responsabilidades
O voceiro municipal do PP, Agustín Hernández, acusou a Martiño Noriega de evitar “desgastarse” como alcalde de Santiago no “camiño a outras presuntas responsabilidades”.
Nunha convocatoria para facer balance da xestión de Compostela Aberta cando se cumpre un ano das eleccións municipais, o popular afirmou estar “no aniversario da decepción e da frustración”, cunha cidade que agora “está peor”.
Ao respecto, referiuse a un resultado “sorpresivo” o 24 de maio de 2015, “pero que trouxo unha inacción dun goberno ausente dos problemas, un alcalde que escapa do día a día e que unicamente está preocupado da foto e da mensaxe curta”. “Non está preocupado do día a día, non está na resolución dos problemas”, afondou.
De feito, foi máis alá ao asegurar que o rexedor “está a orixinar problemas” en temas que estaban canalizados”, e citou os exemplos da banda municipal, os sen teito e o mantemento urbano.
“A cidade nestes momentos está peor, está abandonada: en termos marítimos está ao pairo e temos que constatar esa realidade”, advertiu Hernández.
“CANTO DE SIRENA”
Neste sentido, reflexionou que, se ben “moitos dos votantes e dos simpatizantes que apoiaron ao PP tiñan claro xa entón que a solución para o futuro de Santiago non pasaba polo señor Noriega nin polos novos movementos, por Podemos nin por Esquerda Unida”, el, persoalmente, tamén ten “non a certeza pero si moita información ao respecto de que tamén hai moita desilusión naqueles que o ano pasado pensaron que era necesario cambiar a forma de facer política”.
“Escoitaron o canto de sirena destes novos movementos e pasado un ano podemos comprobar que as cidades seguen cos mesmos problemas de marxinalidade, de desafiuzamentos, e se está a mellorar a situación das diferentes cidades é como consecuencia de que grazas ao esforzo de todos a situación económica mellora”, expuxen.
Nesta liña, incidiu en que “a acción política destes novos partidos, destes movementos de unidade popular, non está para resolver os problemas da xente”, senón que criticou que “está para estar de perfil e no caso do señor Noriega para pasar pola alcaldía camiño a outras presuntas responsabilidades”.
O PEOR E O MELLOR
Preguntado polo peor e o mellor, o voceiro do PP na Casa do concello santiagués sinalou, respecto ao primeiro, “a forma evasiva de actuar por parte do alcalde”. Segundo apuntou, decatouse practicamente o terceiro mes” de que “este alcalde non tiña ningunha vontade de desgastarse” no exercicio da súa condición de alcalde”.
“E creo que iso é absolutamente irresponsable, posto que os que estamos na xestión pública e tivemos a oportunidade de ter responsabilidades de goberno sabemos perfectamente que gobernar é decidir, tomar acordos, decisións, e que iso non contenta a todo o mundo; pero tes que facer esa elección como consecuencia da busca do interese xeral”, reflexionou.
Así, Agustín Hernández insistiu en que, na súa opinión, Martiño Noriega “pretende pasar pola alcaldía de Santiago co mínimo desgaste posible”.
En canto ao segundo, dixo que le “custaría atopar algo bo”, pero que é “a relación persoal e cotiá”, xa que “é correcta”.
“Tamén é certo que non creo que tanto o señor Noriega como os membros da súa candidatura chegaron con muchísima prevención persoal cara a especialmente os concelleiros e integrantes da lista do PP, e pasado o tempo descubriron que non temos cornos nin rabo nin somos demos, que somos cidadáns normais preocupados pola nosa cidade que tratamos de resolver os problemas dende a oposición e no goberno tamén”, fixo fincapé.











