Agrupacións de Ciudadanos piden que a dirección de Rivera reconsidere o cambio na lista da Coruña
As agrupacións de Ciudadanos da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Ames trasladaron este luns o seu “desánimo” ante o cambio que fixo a dirección de Madrid á fronte da candidatura do partido que lidera Albert Rivera na Coruña e pediron á dirección que “reconsidere” esta decisión, posto que consideran que “vai contra os principios” da súa formación.
Os coordinadores destas agrupacións coruñesas saíron este luns ante os medios para pronunciarse de forma conxunta en contra da decisión da dirección de Ciudadanos, que situou a José Canedo, que foi candidato de UPyD a presidir a Xunta no ano 2012, como número un da lista ao Congreso por A Coruña en substitución de Antonio Rodríguez, que saíu elixido deputado o 20 de decembro.
“Non se tivo en conta a vontade dos afiliados. Non entendemos esa decisión porque dende Ciudadanos sempre se apoiou a candidatura da Coruña”, manifestou a coordinadora da Agrupación da Coruña, Patricia Pertierra, quen, en representación do resto de participantes, trasladou o “desánimo” e a “sorpresa” desta decisión, para a que non teñen “ningún tipo de explicación”.
Segundo explicaron estes representantes, non deron recibido explicacións do “motivo” que levou ao cambio. “Non temos comunicado oficial, decatámonos pola prensa”, sinalaba José Antonio de Lorenzo, coordinador de Cambre. Por iso, reclaman un explicación “oficial” sobre o acontecido.
Ante este cambio que non entenden, pediron á dirección do partido que o “reconsidere” e que “respecte” a decisión das urnas “devolvendo a Antonio Rodríguez a posibilidade de liderar a lista por A Coruña”.
PRIMARIAS
“Queremos que volvan poñer a Antonio Rodríguez no número un porque foi o candidato que escolleron os afiliados”, comentou o coordinador de Ames, que sinala que ata o día 23 “aínda hai tempo” para reconsiderar” o cambio. “Despois xa veremos as medidas que tomamos”, engadiu.
Durante as súas intervencións, todos os coordinadores coincidiron en defender o proceso de primarias, un dos principios desta formación política e que non se estaría a cumprir co nomeamento de candidatos, sen o paso previo por ese proceso de elección.
“Levamos as primarias no sangue, o que non podemos é traizoar ese procedemento”, indicou Pertierra que, ao igual que os seus compañeiros, considera que este cambio de candidato “vai contra os principios que Ciudadanos sempre defendeu”.











