Adif retoma as obras da AVE no subtramo Vilariño-Campobecerros
Adif Alta Velocidad continuou este luns a actividade no subtramo Vilariño-Campobecerros (vía esquerda), correspondente á liña de alta velocidade Madrid-Galicia, ao seu paso pola provincia de Ourense.
Este subtramo, de 7,9 quilómetros de lonxitude, está integrado na súa maior parte polo túnel de Bolaños (6,7 quilómetros), único da liña escavado con tuneladora. O presuposto destes traballos é de case 19,16 millóns de euros.
O túnel atópase situado entre os termos municipais de Castrelo do Val e Vilariño de Conso, ambos os dous na provincia de Ourense. Trátase dun túnel bitubo (unha vía por cada tubo): o destinado á vía esquerda atópase en fase de escavación, mentres que o tubo dereito xa está finalizado.
A aprobación dun proxecto de obras complementarias neste subtramo vai permitir dar continuidade aos traballos, segundo explica Adif nun comunicado de prensa.
Xa o pasado mércores, a unión temporal de empresas (UTE) Túneles Bolaños informou á comisión paritaria do convenio da construción de Ourense de que se continuarían os traballos suspendidos en abril das obras da AVE.
Na nota emitida este luns, Adif destaca que a actuación contribuirá a “reforzar e consolidar o avance na escavación do túnel de Bolaños”, co obxecto de atender ás singularidades xeolóxicas detectadas na súa execución, mediante a inxección dunha resina expansiva especialmente indicada para este tipo de operacións.
ESCAVACIÓN CON TUNELADORA
Para a execución do túnel utilízase unha máquina tuneladora ‘TBM’, consistente nun escudo simple para rocha, dotada dunha roda xiratoria de corte do terreo na súa parte frontal. O material escavado é evacuado ao exterior do túnel mediante unha fita de transporte continua.
O sistema de execución con ‘TBM’ permite un sistema de construción continuo no que se reviste a escavación de forma inmediata, mediante a colocación das doelas de formigón prefabricado, deixando rematada a sección do túnel a falta dos acabados, plataformas e drenaxe interior.
Unha vez construído, apunta Adif, a sección do túnel será de 52 metros cadrados e aloxará unha vía de ancho estándar ou UIC (1,435 milímetros).
O subtramo Vilariño-Campobecerros (vía esquerda) tamén inclúe a construción de varias galerías de comunicación entre os túneles de vía dereita e vía esquerda, separadas entre si aproximadamente 400 metros e cunha sección duns 18 metros cadrados.
O túnel rematará cun falso túnel construído a ceo aberto en cada un dos seus extremos, con lonxitudes de 54,2 e 18 metros, que, segundo Adif, permitirán a integración ambiental dos emboquilles.











