A Xunta redactará este ano o proxecto construtivo para executar a pasarela entre o polígono de Agrela e a zona comercial

Ethel Vázquez na rolda de prensa. Foto: M. Fuentes
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, trasladoulles hoxe á Asociación de Empresarios de Agrela e a representantes do Marineda City que a Xunta redactará este ano o proxecto construtivo para executar a pasarela elevada na Avenida de Arteixo. Vázquez presentoulles as distintas alternativas para construír esta infraestrutura que mellorará a mobilidade peonil e incrementar a seguridade viaria na contorna deste polígono industrial e da zona comercial.
Vázquez explicoulles aos asistentes a proposta de deseño da pasarela, de 300 metros de lonxitude, na que se tiveron en conta as necesidades e achegas trasladadas polos empresarios de Agrela na reunión anterior, sobre todo, no referido á incorporación de escaleiras de acceso á pasarela peonil en puntos intermedios, unha a cada lado da estrada, a maiores das ramplas situadas ao inicio e ao final da infraestrutura.
A conselleira destacou que o seu departamento prevé un investimento de arredor dun millón de euros, que xa están consignados para esta actuación nesta zona que rexistra moitos movementos, tanto de peóns como de vehículos, motivo polo que foi seleccionado como prioritario para o fomento da mobilidade peonil e ciclista no marco do Plan de Sendas de Galicia, no seu desenvolvemento para a comarca da Coruña.
A titular de Infraestruturas subliñou a importancia do diálogo para acadar unha actuación que supoña maior seguridade viaria; e garanta a mobilidade entre o polígono de Agrela e o centro comercial de Marineda. Neste sentido, a xuntanza de hoxe serviu para compartir información e opinións na procura da máxima seguridade viaria dos cidadáns.











