A Xunta promove o cooperativismo como fórmula sólida para o emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, pechou hoxe o obradoiro Formación Cooperativa para persoas que queren emprender organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Rede Eusumo.

A secretaria xeral salientou que o cooperativismo é “unha fórmula sólida” para o emprendemento que cada vez ten máis presenza en Galicia e forma parte da Economía Social, un sector que aglutina a máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas. Por iso, engadiu que o Goberno galego está a traballar pola potenciación das empresas de Economía Social, polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial.

Unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta no eido laboral, é precisamente impulsar o cooperativismo. Esta folla de ruta, segundo indicou Toca, reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. “O que se pretende é incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística que lles axude a competir”, subliñou. A Xunta destina este ano 5,4 millóns de euros para fomentar a Economía Social con diferentes liñas de axudas entre as que a Axenda 20 inclúe o Programa Aprol para promover a contratación do sector con preto de 3 millóns de euros.

Así mesmo, contémplanse axudas ás cooperativas e sociedades laborais que incorporen persoas socias traballadoras e incentivos para a posta en marcha de novos proxectos específicos para menores de 30 anos que fomenten o cooperativismo xuvenil.

O Goberno galego, así mesmo, está a ultimar a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, que inclúe un total de 87 medidas co obxectivo de potenciar a competitividade e internacionalización deste sector. Ademais, recentemente, aprobouse o Proxecto de Lei de Economía Social de Galicia que ten como principal obxectivo regular ao sector, promovendo especialmente o cooperativismo xuvenil e ofrecendo grandes posibilidades para contribuír ao crecemento económico de Galicia desde o rural.
En definitiva, Toca animou aos participantes neste obradoiro a emprender e a utilizar as ferramentas das que dispón o Goberno galego para axudar a poñer en marcha novos negocios e xerar emprego.

27 de maio de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.