A Xunta promove a formación dos axentes implicados na prevención de riscos laborais na loitar contra a sinistralidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Lugo, no centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), na xornada técnica sobre ‘Responsabilidade civil, penal e administrativa en prevención de riscos laborais’, na que se informou aos axentes implicados neste ámbito –asistiron 120 persoas- das ferramentas que posúen para loitar contra a sinistralidade laboral e sobre as vantaxes e beneficios que xera aplicar medidas no eido da prevención. Toca salientou que a prevención de riscos é unha actuación de todos os axentes implicados nas relacións laborais e, por iso, avogou por seguir a mellorar a coordinación para acadar unha redución dos accidentes no traballo.

A responsable de Emprego destacou que unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta en materia laboral, é a loita contra a sinistralidade no traballo e, por iso, explicou que o Goberno galego está a deseñar a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2016-2020 que impulsará diferentes medidas “co firme obxectivo” de reducir os accidentes no traballo e as enfermidades profesionais. “A nosa meta é asegurar aos galegos e galegas un emprego de calidade e seguro”, subliñou.

Para fomentar a prevención de riscos laborais, a Xunta está a destinar este ano unha partida de 1,5 millóns de euros en diferentes actuacións que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así mesmo, a Xunta forma a traballadores no ámbito da prevención de riscos e, deste xeito, en 2015 cualificou a preto de 800 persoas a través de diversas accións formativas, tanto na modalidade presencial como en liña. Así mesmo, en coordinación coa Inspección de Traballo do Estado, indicou que a Xunta ten en marcha un Plan de Inspección no marco do cal neste 2016 se realizarán máis de 7.500 inspeccións centradas de forma específica en materia de seguridade e saúde laboral.

En definitiva, a secretaria xeral de Emprego sinalou que todas as accións que a Xunta deseña neste eido teñen por obxectivo dotar ao empresariado galego e aos traballadores e traballadoras da cualificación necesaria para xestionar dun xeito correcto a prevención nos seus centros de traballo.

25 de maio de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.