A Xunta participa na constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero de Coirós
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero do Concello de Coirós, onde destacou que o obxectivo xeral da Mesa Local de Coordinación é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.
López Abella destacou que compete aos poderes públicos a loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático. Polo tanto,resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.
Esta Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero do Concello de Coirós está composta por todas aquelas institucións e organismos necesarios para o desenvolvemento de accións tendentes á prevención e erradicación da violencia de xénero, polo que está presidida polo Alcalde de Coirós, Francisco Quintela Requeijo e, cuxas vogalías corresponden ao Xuíz do xulgado nº 3 de Betanzos, Roberto Barba Alvedro; a concelleira neste Concello e con competencias no ámbito da prevención e loita contra a violencia de xénero, Yolanda Pena Valiño; ademais do persoal de CIM de Coirós e persoal dos Servizos Sociais dos concellos de: Aranga, Betanzos, Oza-Cesuras, Paderne e Coirós; representante das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado: Garda Civil de Betanzos e Oza-Cesuras; representante dos Centros educativos de Aranga, Betanzos, Oza-Cesuras; representante dos Servizos Sanitarios: PAC de Aranga, Betanzos, Oza-Cesuras, Paderne e Coirós; representante do Colexio de Avogados de A Coruña e representante da S.X da Igualdade da Xunta de Galicia e a responsable da Subdelegación do Goberno da Coruña da Unidade de Violencia sobre a muller.
Dende a Secretaría Xeral da Igualdade, Susana López Abella incidiu en que consideranse como obxectivos específicos desta Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, mellorar a detección precoz de casos de violencia de xénero; optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas de violencia; mellorar a protección ás vítimas de alto risco e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.
López Abella destacou que é necesario que a coordinación se extenda tamén ao ámbito municipal, favorecendo medidas de coordinación a través da posta en marcha e dinamización das Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero nos municipios de Galicia, como instrumentos para optimizar a cooperación de todas as entidades implicadas neste obxectivo común, para incrementar o grao e a calidade da coordinación institucional por parte das administracións locais e autonómica, para contribuir a optimizar a accesibilidade aos recursos e as prestacións dos servizos de atención ás mulleres afectadas por situacións de violencia de xénero.