A Xunta inicia os traballos topográficos para acadar a intermodalidade entre as estacións de autobús e ferrocarril de Pontevedra
A Xunta de Galicia comezou hoxe os traballos topográficos necesarios para o estudo de alternativas para acadar a intermodalidade entre as estacións de autobús e ferrocarril na cidade de Pontevedra. Técnicos da Dirección xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda supervisaron hoxe o inicio destes labores por parte da empresa Cotecno Servicios de Ingeniería y Arquitectura, adxudicataria do contrato impulsado polo Goberno galego para determinar a fórmula idónea para facilitar aos cidadáns un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos e transporte.
Un dos principais obxectivos do Goberno galego, en relación con transporte e a mobilidade, é o fomento da mobilidade sostible mediante a adopción e a execución de medidas dirixidas a incrementar o emprego do transporte público colectivo, por exemplo garantindo a intermodalidade e a conexión entre diferentes modos de transporte.
Na cidade de Pontevedra a estación de ferrocarril e a estación de autobuses atópanse moi próximas con itinerarios peonís e rodados que non superan os 200 metros, sen embargo coa finalidade de promover a intermodalidade e facilitar a realización de transbordos entre os dous modos, ferrocarril e autobús, da maneira máis fácil, cómoda e rápida para o usuario, é necesaria a realización dunha serie de actuacións tanto de mellora da conexión peonil entre ambas estacións, como de delimitación clara dos espazos para peóns e dos espazos reservados ao tráfico rodado.
Melloras a levar a cabo
O obxecto do estudo é analizar diferentes alternativas de actuación para mellorar a intermodalidade entre o transporte de viaxeiros en ferrocarril e en autobús interurbano e metropolitano na cidade de Pontevedra. O ámbito de actuación será o conformado polo entorno e arredores da estación de ferrocarril e da estación de autobuses.
As diferentes alternativas de actuación propostas deberán dar resposta, entre outras, ás seguintes necesidades:
– Mellora das conexións peonís en viaxes intermodais entre a estación de ferrocarril e a estación de autobuses.
– Melloras para a integración da terminal de autobuses coa terminal ferroviaria.
– Reordenación do espazo actualmente dedicado a aparcadoiro de turismos na estación de autobuses, delimitando os espazos reservados para cada tipo de tráfico peonil e rodado e establecendo un espazo para taxis e kiss and ride.
– Remodelación da fachada da estación de autobuses para mellorar a súa identidade como centro de transporte.











