publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta formaliza o contrato para iniciar as obras de humanización da travesía de Outes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOutes
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda asinou hoxe o contrato para iniciar nas vindeiras semanas as obras de humanización da Travesía de Outes, o que suporá unha importante mellora da seguridade viaria que contará cun investimento de case 800.000 euros.

As obras de reurbanización na Travesía de Outes realizarase entre os puntos quilométricos 65+044 e 65+654 da AC-550. Esta actuación centrarase en ampliar as beirarrúas e realizar melloras en interseccións, coa fin de conseguir unha maior seguridade da circulación e comodidade para os usuarios.

Esta travesía viu modificado o seu tráfico tras a posta en servizo, en xaneiro de 2011, da Variante de Outes, unha infraestrutura á que a Xunta destinou máis de 25 millóns de euros. Desde ese momento, os desprazamentos teñen diminuído considerablemente, sendo o seu tráfico de carácter local, xa que se estima que a apertura da Variante reduciu o tráfico no treito paralelo da AC-550 en preto de 4.000 vehículos ao día.

As obras buscan adaptar as características desta vía á súa nova condición urbana, tanto en relación cos vehículos como cos peóns.

O obxectivo principal é reordenar a estrada pensando, sobre todo, na seguridade e comodidade dos peóns, polo que a actuación máis destacable realizarase na ponte sobre o río Tines, onde se ensancharán as beirarrúas e se embelecerá a ponte, mediante a colocación de pavimento de madeira e voladizos por ambas as marxes.

Por outra banda, acometeranse melloras nas interseccións, con semiglorietas que permitirán dous cambios de sentido, e coa construción de carrís centrais de espera que incidirán positivamente na seguridade viaria. Ademais, se estenderá unha nova capa de rodadura, repoñendo os treitos deteriorados. Así mesmo, melloraranse os servizos urbanos, renovando as redes de abastecemento, saneamento, pluviais, alumeado e semáforos.

4 de maio de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.