A Xunta formaliza o contrato para a execución das melloras da estrada LU-901 en Carballedo
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda formalizou hoxe o contrato para a execución das obras de mellora da estrada LU-901, en Carballedo, que poderán comezar no vindeiro mes de xuño. Estes traballos, que terán un prazo de execución de seis meses, foron adxudicados a OVISA Pavimentos y Obras S.L.U por un importe de máis de 480.000 euros.
O tramo obxecto destas melloras é o que vai desde A Barrela (na intersección coa N-540) ata o límite coa provincia de Ourense.
O proxecto define a ampliación da plataforma ata acadar unha sección de 6 metros nunha lonxitude de máis de 7,5 quilómetros; concretamente, entre os puntos quilométricos 9+860 e 17+420, para dotar á estrada de beiravías; salvo na zona de paso por núcleos pequenos de poboación, que suman 3,5 quilómetros, nos que se construirán gabias de seguridade de pendente moi lixeira, que servirán para canalizar as augas de drenaxe e ao mesmo tempo permitirán a circulación cómoda dos peóns.
Así mesmo, prevese a rehabilitación do firme nas travesías da Barrela e Tolda, e a mellora dos sistemas de sinalización, balizamento e defensas en todo o treito.