publicidade hoxe

A Xunta fomenta a prevención de riscos laborais no sector avícola para loitar contra a sinistralidade no traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlle
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Cenlle, na Fundación Coren, nunha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais en granxas avícolas na que salientou que para a Xunta é unha prioridade reducir a sinistralidade laboral neste sector que é clave para a economía galega.

O director xeral explicou que a prevención de riscos é unha actuación de todos os axentes implicados nas relacións laborais e, por iso, avogou por seguir a mellorar a coordinación para acadar unha redución dos accidentes no traballo.

Para loitar contra a sinistralidade laboral, Marnotes sinalou que a Xunta está a activar políticas e medidas encamiñadas principalmente á prevención que dean resposta ás demandas do tecido empresarial galego “e sempre da man dos axentes sociais e económicos”, apuntou.

Sinalou, así mesmo, que o Goberno galego conta co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) que realiza un importante labor formativo, xunto á información, promoción e asesoramento necesarios en materia de seguridade laboral.

O director xeral destacou que unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta en materia laboral, é a loita contra a sinistralidade no traballo e, por iso, explicou que o Goberno galego está a deseñar a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2016-2020 que impulsará diferentes medidas “co firme obxectivo” de reducir os accidentes no traballo e as enfermidades profesionais. “A nosa meta é asegurar aos galegos e galegas un emprego de calidade e seguro”, subliñou.

Para fomentar a prevención de riscos laborais, a Xunta está a destinar este ano unha partida de 1,5 millóns de euros en diferentes actuacións que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así mesmo, a Xunta, a través do ISSGA, forma a traballadores no ámbito da prevención de riscos e, deste xeito, en 2015 cualificou a preto de 800 persoas a través de diversas accións formativas, tanto na modalidade presencial como en liña. Así mesmo, en coordinación coa Inspección de Traballo do Estado, indicou que a Xunta ten en marcha un Plan de Inspección no marco do cal neste 2016 se realizarán máis de 7.500 inspeccións centradas de forma específica en materia de seguridade e saúde laboral.

En definitiva, o director xeral de Orientación sinalou que todas as accións que a Xunta deseña neste eido teñen por obxectivo dotar ao empresariado galego e aos traballadores e traballadoras da cualificación necesaria para xestionar dun xeito correcto a prevención nos seus centros de traballo.

26 de maio de 2016 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.