A Xunta executa obras de impermeabilización no adarve da Porta de San Pedro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a executar obras de saneamento e impermeabilización no adarve da Muralla, á altura da porta de San Pedro, para evitar filtracións de auga que puidesen prexudicar o monumento.

Segundo explicou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, trátase de “traballos ordinarios de conservación que están previstos no plan de mantemento do monumento, e que se abordan precisamente neste momento porque as actuacións no adarve non interfiren coa nidificación dos birrios” (vencejos).

Arias sinalou que a Xunta está a compatibilizar “o coidado e o respecto pola colonia de birrios co coidado do monumento, e as áreas de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza están a traballar conxunta e coordinadamente para que isto sexa posible”.

A actuación que está en marcha consiste en instalar unha capa impermeabilizante que impida que se filtre auga cara á porta de San Pedro, para posteriormente volver a repoñer o chan ao seu estado orixinal.

As obras non responden, polo tanto, a unha especial situación de risco senón a unha planificación continua a ordenada de protección do monumento a través do plan de mantemento, ao que se destinan actualmente máis de 640.000 euros.

Esta planificación inclúe a valoración constante do estado da muralla, con especial seguimento dos puntos que poden resultar máis sensibles e actuacións alí onde se requiren.

Neste liña, cabe lembrar que están xa contratadas as obras de restauración do Cubo VI por un importe de máis de 152.000 euros. O inicio efectivo das obras dependerá das evolucións da colonia de birrios que aniña nos lenzos, da que tamén se fai seguimento constante.

6 de maio de 2016 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.