A Xunta esixe ao concello de Vigo que cumpra coa súa palabra para poder avanzar na Lei da Área Metropolitana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, ofreceron hoxe unha rolda de prensa na que mostraron a “preocupación” do Goberno galego pola falta de incorporación, a día de hoxe, do concello de Vigo ao Plan Transporte Metropolitano, condición indispensable para que a tramitación da Lei da Área Metropolitana poida avanzar.

O delegado destacou que existe un compromiso desde o 22 de febreiro de que Vigo se ía incorporar ao Transporte Metropolitano e a mediados do mes de maio “aínda non se cumpriu ese compromiso”. Ao contrario, o alcalde pediu unha nova reunión esta mesma tarde para abordar determinados aspectos do convenio de adhesión. “Esperemos que non sexan escusas para alargar a incorporación de Vigo ao Transporte Metropolitano”, declarou López-Chaves.

A este respecto, Pazos Couñago lembrou que a semana pasada o alcalde de Vigo anunciou publicamente que esa mesma tarde remitiría á Xunta de Galicia a súa ratificación da entrada inmediata ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia “e desgraciadamente transcorrida unha semana non se concretou nada e non recibimos absolutamente nada”.

O que temos, explicou, é a solicitude para unha nova reunión coa directora xeral de Mobilidade da cal se negan a informar sobre o seu contido real, dicindo unicamente que se pretende matizar e aclarar determinadas cuestións relativas ao convenio que o concello ten desde hai máis de dous anos, “un tempo máis que razoable para estudalo e que se houbese aclarado calquera dubida que se puidese suscitar”.

O director xeral pediu que non se engane a cidadanía e que se ratifique mediante actos concretos os anuncios feitos en prensa “porque a realidade é que se está acelerando, a través dos medios de comunicación, a tramitación da Lei ao tempo que se retrasa interesadamente nos despachos esa mesma tramitación”. Por esta mesma razón, expresou o seu desexo de que esta tarde na reunión o Concello de Vigo reflexione e lle adiante á Xunta unha data de aprobación da adhesion e unha proposta para proceder á sinatura dun convenio. “Temos que asinar un convenio e temos que facelo canto antes”, recalcou.

Doutra banda, lembrou que a Xunta ten recadado todos os informes necesarios para tramitar a Lei e está en condicións de cumprir co seu compromiso de levar a reforma da Lei da Área Metropolitana ao Consello da Xunta, “sempre e cando se cumpran as premisas que acordaron 14 alcaldes e a Vicepresidencia na reunión na que alcanzamos o acordo definitivo para impulsar a Área Metropolitana”.

11 de maio de 2016 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.