publicidade hoxe

A Xunta entrega as parcelas da parcelaria de Arca-Nigoi de A Estrada aos 464 beneficiarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na toma de posesión xunto ao alcalde da Estrada

Cores Tourís na toma de posesión xunto ao alcalde da Estrada

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu esta mañá ao acto de toma de posesión da zona de concentración parcelaria de Arca-Nigoi en compaña do alcalde de A Estrada, José López, e do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo e a xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios.

Segundo destacou o delegado territorial, a toma de posesión de parcelas afecta ao sector de Arca que conta con 330 hectáreas, beneficiando a 464 propietarios. “A toma de posesión dos novos predios de concentración parcelaria permitirá aos donos das parcelas poder comezar a traballar nas súas novas fincas”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que “isto é algo esencial para manter garantida a actividade agrogandeira nas zonas de concentración. Agora o noso obxectivo é rematar esta tramitación e entregar canto antes os títulos”.

A partir da toma de posesión e durante un prazo de 60 días, os adxudicatarios poderán reclamar ante a Xefatura Territorial de Medio Rural se existen diferenzas superiores ao 2% entre a cabida real das novas fincas e a que conste no expediente de concentración.

A concentración parcelaria de Arca-Nigoi, no sector de Arca, conta na actualidade cun total de 954 fincas cunha media de superficie de 3.147 metros cadrados, “reducíndose así das 6.124 fincas iniciais que contaban cunha superficie media de 525 metros cadrados”, engadiu o delegado territorial. Os propietarios pasan a ter unha media de 2,17 fincas cada un frente as 13,85 que tiñan ao inicio da tramitación da parcelaria.

Esta concentración conta con algo máis de 24 quilómetros de rede de camiños, das cales 1,1 están en formigón, 1,2 asfaltadas, e 20,2 en zahorra. Os seus aproveitamentos principais son pastizais, praderías, millo, patacas, hortas e monte. O investimento destinado a execución desta parcelaria roldou os dous millóns de euros.

O delegado territorial tamén recordou aos veciños presentes que, segundo o plan de aproveitamentos de cultivo, a superficie que debe ter un predio rústico para que as labores fundamentais do seu cultivo poidan levarse a cabo de xeito satisfactorio utilizando medios técnicos de produción normais é de 3.000 metros cadrados en sequeiro e 2.000 en regadío.

Hai que engadir en relación a esta parcelaria, que a Consellería de Medio Rural, dentro do Plan de Reestruturación para 2016 conta coa previsión de executar un proxecto de obras de acondicionamento de camiños que suporá un investimento de 350.000 euros.

Coa entrega provisional destas parcelas, dáse un paso máis no proceso reestruturador do rural galego e ponse en coñecemento dos veciños o feito de que xa poden comezar a usar os seus terreos. Deste xeito, a Xunta de Galicia contribúe a modernizar as explotacións, mellorar os accesos e facilitar os desprazamentos ás fincas, aumentando así o valor da base territorial.

José Manuel Cores Tourís destacou a importancia económica que supón a concentración parcelaria. De feito, o delegado territorial recordou que “o obxectivo último da Xunta de Galicia radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción. Especialmente importante é a resolución destas parcelarias en concellos como o de A Estrada, que conta con un importante número de explotacións gandeiras, para o que sen dúbida é esencial bos e grandes praderíos”.

Neste concello quedan por rematar dúas concentracións parcelarias, a de Monte Val do Vea-Sector II e Codeseda. A Estrada conta cunha superficie total de 280.800 hectáreas das cales concentráronse 14.851, é dicir, o 5,3%.

12 de maio de 2016 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.