publicidade hoxe

A Xunta destaca o papel estratéxico do parque industrial de San Cibrao para impulsar a competitividade do tecido empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Ángel Bernardo Tahoces na visita ao polígono de San Cibrao

Ángel Bernardo Tahoces na visita ao polígono de San Cibrao

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, realizou hoxe unha visita ás instalacións do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, na que aproveitou para destacar a importancia que teñen os polígonos industriais no desenvolvemento económico e social dos concellos galegos. Neste caso concreto, Bernardo Tahoces subliñou o papel estratéxico que xogan estas instalacións para favorecer o impulso da actividade nesta comarca ourensá, ao tempo que impulsa a competitividade do tecido empresarial.

Durante a visita, o director xeral indicou que, coa colaboración da Xunta, o Concello de San Cibrao está desenvolvendo melloras nas súas infraestruturas empresariais. Dentro das iniciativas levadas a cabo durante o ano pasado para ofrecer un mellor servizo ás empresas instaladas, o Goberno galego aportou máis de 270.000 euros para o acondicionamento de vías no polígono; en concreto, varios tramos das rúas 6, 7, 8 e 9 e de vías paralelas á N-525. Así mesmo, leváronse a cabo actuacións para mellorar o sistema de vixilancia, coa instalación de 6 novas cámaras e 26 sistemas con visión nocturna no polígono de San Cibrao e de 5 cámaras máis no de Barreiros.

Este ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria convocou unha nova orde de apoios para colaborar cos municipios galegos na mellora competitiva dos polígonos industriais, dada a súa importancia no desenvolvemento económico das vilas de cara a impulsar o crecemento e a xeración de emprego.

O programa, pendente de resolución, prevé, un ano máis, apoios de ata o 80% do custo final da obra, cun máximo de 120.000 euros por solicitude. Ademais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida.

A través desta liña promoveranse diferentes accións que abarcan a dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos, vías de acceso aos parques empresariais, ou instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia, entre outros.

11 de maio de 2016 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.