publicidade hoxe

A Xunta adxudica as obras do segundo treito da Autovía do Morrazo que se iniciarán en verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMeira
A-
A+

A Xunta adxudicou as obras do segundo treito da Autovía do Morrazo, concretamente, a conversión en autovía do Corredor CG-4.1. Subtreito II: nos puntos quilométricos 3+250-7+300, desde o enlace de Domaio ata o de Meira. Este contrato licitouse a finais do ano pasado e adxudicouse á empresa DRAGADOS, S.A. por máis de 13,3 millóns de euros. As obras iniciaranse neste verán e o prazo de execución da obra será de 18 meses.

As actuacións no primeiro tramo, ao longo de 3,2 km, que comezaron no pasado mes de outubro, teñen un investimento de arredor de 20 millóns de euros. Neste intervalo xa se procedeu á roza, estase a realizar o movemento de terras e autorizouse o proxecto arqueolóxico, que recolle medidas de especial protección para minimizar a afección aos restos arqueolóxicos existentes na zona onde se acometerá o túnel de Montealegre.

Actualmente, están a traballar nesta infraestrutura 32 persoas e 9 máquinas: 2 equipos no movemento de terras; 1 equipo nas obras de drenaxe; e o outro na execución dos servizos afectados.

No Goberno galego tamén se está a traballar na redacción do proxecto construtivo do treito terceiro, entre o enlace de Meira e o 1º enlace de Cangas. A entrega do proxecto por parte do equipo redactor está prevista para o mes de xullo, o que permitirá, a continuación, proceder á súa supervisión.

11 de maio de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.