publicidade hoxe

A Xunta abre ao tráfico a glorieta de Santa Irene que dá acceso á autovía da Costa da Morte dende Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaVimianzoZas
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de abrir ao tráfico a segunda glorieta de acceso á autovía da Costa da Morte, a de Santa Irene, en Vimianzo. A Xunta puxo en servizo a semana pasada a rotonda de intersección entre o enlace de Baio Este da autovía da Costa da Morte e a estrada AC-552, ao seu paso polo Concello de Zas.

Trátase da entrada en funcionamento das rotondas executadas no marco das obras da autovía da Costa da Morte, coas que se garante unha maior accesibilidade, permitindo aproveitar ao máximo as potencialidades desta vía para toda a comarca, e sobre todo para que a Costa da Morte conte cun maior dinamismo económico e xere máis oportunidades para todos os habitantes.

Cómpre lembrar que as solucións adoptadas foron froito de escoitar a todas as partes implicadas e tendo en conta as reclamacións veciñais, polo que se apostou pola mellor solución técnica por funcionalidade (por tempo de recorrido, tráficos, conexión coa estrada convencional), e por seguridade, xa que aporta maior visibilidade.

A execución da autovía avanza segundo o previsto, garantido así o cumprimento do compromiso por parte do Goberno galego para que este verán sexa unha realidade que mellorará a seguridade viaria, a competitividade e, en conxunto, a calidade de vida dos veciños da zona.

Os usuarios desta vía van contar con máis de 27 km de autovía libre de peaxe para conectalos co resto de Galicia e de España. Para iso, a Xunta está a poñer os medios necesarios para impulsar a execución deste proxecto, contando así con preto de 250 operarios e 130 máquinas.

13 de maio de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.