publicidade hoxe

A Veiga acolle un curso de formación para guías turísticos sobre a riqueza natural de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA VeigaOurense
A-
A+
Presentación do curso para guías turísticos

Presentación do curso para guías turísticos

O municipio da Veiga acollerá no vindeiro mes de xullo un curso para formar a guías turísticos sobre a riqueza natural de Galicia. O evento presentouse esta mañá no Pazo Provincial por parte do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o director do curso, Valeriá Paül Carril, e ten como obxectivo formar a informadores de oficinas de turismo e guías en aqueles aspectos máis salientables para os visitantes, relativos ás singularidades que ten a riqueza natural de Galicia, e sinaladamente nesta edición, as montañas de Trevinca.

Rosendo Fernández sinalou que os obxectivos deste curso son “formar en turismo na natureza en Galicia e explorar as múltiples posibilidades que ofrecen o sendeirismo, o montañismo e o guiado, como actividades específicas de turismo de natureza”. Tamén destacou o vicepresidente que esta acción formativa achegará aos informadores de oficinas de turismo e guías “unha serie de habilidades interpretativas e prácticas referidas ás montañas de Trevinca”. Tamén subliñou Rosendo Fernández a promoción que está a ter o municipio da Veiga “con actividades como as xornadas de astroturismo, o recoñecemento “Destino turístico Starlight”, ou a homologación das rutas de Trevinca, o que lle dan un pulo turístico moi importante a esta contorna da provincia de Ourense”.

Juan Anta explicou que o Concello da Veiga “aposta por un turismo sostible e ordenado, destacando a singularidade dunha oferta turística baseada no contacto directo coa natureza”.

Coa denominación de “VII Curso de formación para informadores de oficinas de turismo e guías”, a actividade formativa celebrarase no Concello da Veiga do 11 ao 15 de xullo, a cargo do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR). “Pretende formar nos aspectos máis destacados do turismo en Galicia, para axudar aos traballadores do sector a reciclarse”, asegurou Valerià Paül. O curso ten unha duración de 50 horas lectivas (35 teóricas e 15 prácticas) e está homologado pola Xunta de Galicia. Os interesados en participar teñen de prazo ata o 30 de xuño para inscribirse, e o prezo do curso é de 195 euros.

18 de maio de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.