A responsable de loxística dunha empresa é condenada a dous anos de prisión por quedar con 66.000 euros
A Audiencia Provincial da Coruña condenou a dous anos de prisión á responsable do departamento de loxística dunha empresa da Coruña acusada de falsidade documental e estafa.
O xuízo, que estaba previsto para este luns, non se celebrou ao chegar as partes a un acordo de conformidade. Desta forma, dos tres anos de prisión que pedía a Fiscalía para a imputada, a pena quedou reducida a dous anos de cárcere.
A muller, responsable do departamento de loxística da empresa ata xaneiro de 2009, estaba acusada de quedar con algo máis de 66.000 euros que foron ingresados nunha conta bancaria da súa propiedade despois de que emitise facturas falsas de aloxamento de traballadores.
Ademais da pena de prisión, a Audiencia imponlle tamén unha multa de preto de 400 euros.











