A rehabilitación eficiente de 120.900 vivendas da provincia de Lugo aforraría 150.000 millóns de euros e xeraría 48.000 empregos en dez anos
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, Hipólito Trinidad, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, aos técnicos da APEC Fernando García Novo e Jesús Bargados, e ao profesor da USC Juan Piñeiro, presentaron este luns o primeiro estudo sobre o parque de vivendas da provincia de Lugo. Trátase dun pioneiro proxecto que se elaborou no marco do programa Reacciona 2020 APEC, que executa dito colectivo e financia na súa totalidade o organismo provincial.
Campos Conde subliñou que “cando decidimos poñer en marcha este estudo, marcámonos dous claros obxectivos: primeiro, conseguir a primeira radiografía sobre a situación das vivendas que existen no conxunto da nosa provincia, que poremos a disposición de todos os Concellos e empresas. E, segundo, coñecer o impacto económico e laboral que suporía a mellora eficiente destas edificacións, cumprindo coa normativa europea 20/20/20. Cumprimos os nosos obxectivos. Detectamos que o 98% das edificacións que hai na provincia, exactamente 120.912, son susceptibles de melloras eficientes. De leváranse a cabo estas, nun prazo de 10 anos conseguiríamos un aforro total en combustibles superior aos 150.000 millóns de euros e a xeración duns 48.000 empregos. Polo tanto, acadaríamos vivendas sostibles, aforrando cartos, sendo eficientes e cumprindo cos obxectivos da UE; ao tempo que reactivaríamos o sector da construción a través da rehabilitación eficiente, xerando emprego e riqueza”.
Hipólito Trinidad agradeceu a Campos Conde o seu compromiso co sector da construción. “Este estudo ten que ser un punto de referencia para a construción de edificios con eficiencia enerxética na nosa provincia”, apuntou.
124.063 edificios analizados na provincia
Profesionais da APEC e da USC detectaron que na provincia hai un total de 124.063 vivendas. O 98% destas, que son 120.912, son susceptibles de melloras eficientes, é dicir, con pouca inversión poderían rebaixar o consumo enerxético, aforrando custos. Concretamente, segundo os expertos, nun prazo de 10 anos, aforraríanse 151.304.885 euros en combustible. Serían 302.609 menos de litros de gasóleo e reduciríanse as toneladas de emisión de CO2 en 732.512 toneladas.











